A reparación do treito afundido da estrada O Vao-Campañó "será unha obra de envergadura"
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra continúa cos traballos de reparación do treito afectado da EP-0017, o vial que comunica O Vao-Campañó, que este luns afundiu por mor das choivas torrenciais.
As obras de urxencia comezaron este mesmo martes e desde o mediodía de hoxe mércores o persoal da empresa COVSA, que se encargará dos traballos, está traballando no terreo para sanear e limpar a zona. Con isto búscase poñer en orde o tramo afectado para que os enxeñeiros estean en condicións de analizar a situación, ver a súa magnitude e poder así redactar un proxecto de obra.
Nestes momentos, e a falta de ter todos os detalles, a Deputación estima que "non será unha obra pequena, senón que será unha obra de envergadura". De feito, a previsión é que probablemente abranguerá un tramo maior daquel onde se produciu o desprendemento.
Unha das actuacións que probablemente formen parte do proxecto será a dotación dunha taxea de maior tamaño que a actual.
Unha vez o terreo estea estabilizado e asegurado, e o persoal enxeñeiro poida elaborar o proxecto, no momento no que se envíe a proposta de contratación estarase en disposición de poder establecer un prazo para as obras.
A Deputación de Pontevedra considéraa unha actuación prioritaria, co obxectivo de poder abrir a vía á circulación no menor prazo posible, pero sempre e unicamente cando sexa posible con total seguridade.
Relacionadas:
-
Alerta en Riestra polo desprendemento dun cascote
Por Mónica Patxot & Alba Feijoo Alonso |
-
Reabre a estrada de Campañó tras reparar o tramo que cedeu polas chuvias
Por Redacción |
-
Actúan de emerxencia sobre a carretera que esborrallou en Campañó para evitar danos maiores
Por Redacción |
-
Afunde un treito da estrada de Campañó e 'traga' un coche que pasaba por ela
Por Redacción & Mónica Patxot |