Suspendida a actividade de piragüismo en Ponte Sampaio por temor á suba do caudal do Verdugo-Oitavén
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O temporal das últimas horas deixou escasos incidentes de gravidade en Pontevedra, segundo indicaba a concelleira Carme da Silva este martes 17.
Destacaba a caída dunha árbore en Monte Porreiro e o desprazamento dun cartel de obra na parroquia de Marcón, a pesar de que na estación hidrolóxica de Campolongo se rexistraron os datos de precipitacións máis elevados desde o 1 de outubro.
Neste sentido, sinalaba que Emerxencias da Xunta de Galicia alertara de que o encoro de Eiras está desaugando e, se é necesario ampliar esa vertedura de auga, existe o risco de que aumente o caudal do río Oitavén-Verdugo.
Por este motivo alertouse ao club de piragüismo de Ponte Sampaio para que non realicen actividades na desembocadura para evitar situacións de risco. Da Silva ofreceu o dato de que este luns na estación de Fornelos se rexistrou unha cifra por riba de 100 litros en 24 horas.
Arredor das 14.00 horas, o Concello de Pontevedra recibiu información de que o aliviadoiro do encoro de Eiras deixou de verter, pero sinala que se mantén a alerta.
A responsable do Ciclo da Auga en Pontevedra afirmou que as crecidas do Lérez se ven afectadas máis polas mareas que pola auga procedente das precipitacións. Explicou que, durante o luns 16, o nivel na estación de Monte Porreiro pasou dos seis metros nalgún momento, pero esa presenza de auga xa non provoca ningunha alteración na subministración ás poboacións dependentes do río.
Indicou que as obras realizadas permiten que a auga procedente do encoro do Pontillón proporcione o abastecemento de auga necesario para a cidadanía sen utilización do sistema de bombeo.
"Pontevedra só se abastece do Pontillón porque vén por gravidade, non hai que bombear. Xa non afecta como en invernos pasados", apuntou Carme da Silva indicando que outros anos era necesario que os servizos municipais se mantiveran pendentes da entrada de auga nas bombas.
Desde o mes de outubro a subida da auga non afecta as bombas da estación e, por tanto, a subministración está garantida. "No inverno, nun ano hidrolóxico normal, o Pontillón está subministrando e enchéndose continuamente", aclarou.