Todo o litoral pontevedrés, en alerta laranxa este domingo por un temporal costeiro
Por Redacción
A deste domingo non será unha xornada para pasear de maneira tranquila pola costa galega. A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, activou a alerta laranxa en todo o litoral ante o temporal costeiro que se agarda para as próximas horas.
Así, en toda a costa das Rías Baixas agárdase que haxa mar combinada do noroeste con ondas de ata oito metros. O vento, que soprará do oeste ou suroeste, será de forza 8 ao norte de Fisterra, podendo acadar ocasionalmente forza 9.
O 112 Galicia xa informou da situación aos concellos, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Aos cidadáns, as autoridades recórdalles a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos.
Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Ante a alerta por vento, sinalan medidas de protección como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, árbores, paneis publicitarios ou obxectos susceptibles de desprazarse.