Carmela Silva censura as declaracións "intolerables" de Ángela Rodríguez 'Pam' e espera que o PP rompa con Vox en Castela e León
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, saíu ao paso de dúas cuestións polémicas ao redor da Igualdade. "Eu nunca vou calar", dixo.
Na habitual comparecencia de prensa para dar conta dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Provincial, Carmela Silva referiuse, en primeiro lugar, ás declaracións "intolerables" da secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez 'Pam', sobre a saída de violadores á rúa polas rebaixas de condenas tras a aplicación do Lei do Só Si é Si.
Carmela Silva sinalou que "era imprescindible" que Ángela Rodríguez pedise desculpas, tal e como fixo este venres a número dous da ministra Irene Montero que, ademais de pedir "todas as desculpas que sexan precisas", dixo que "como vou pensar que se pode frivolizar coas vítimas de violencia machista?".
A presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que a violencia machista é "unha cousa absolutamente seria, dramática" e advertiu de que só sendo consciente desta gravidade é como hai que referirse a este problema.
Dito isto, Carmela Silva engadiu que "espero e esíxolle ao presidente da Xunta de Galicia que hoxe mesmo pida a dimisión do vicepresidente de Castela e León", Juan García-Gallardo, de Vox, que anunciou que o seu Goberno autonómico instaurará medidas antiabortistas, entre as que se inclúen obrigar aos sanitarios para ofrecer ás embarazadas que pretendan interromper o seu embarazo a posibilidade de escoitar o latexo do feto, obter unha ecografía en 4D e un apoio á atención psicolóxica.
Carmela Silva lembrou que o presidente galego, Alfonso Rueda "onte saía pedindo a dimisión da secretaria de Estado por esas declaracións que, repito, foron absolutamente desafortunadas, pero hoxe véxoo calado" fronte ao anuncio do vicepresidente da Xunta de Castela-León.
"Espero que rompan con Vox no goberno de Castela e León", afirmou.
Respecto a esas medidas antiabortistas, Carmela Silva valorounas como unha "falta de respecto aos dereitos das mulleres" e lembrou que xa o popular Alberto Ruiz Gallardón na súa etapa de ministro de Xustiza "pretendeu modificar a Lei do Aborto para quitarlles dereitos ás mulleres".
"No corpo das mulleres mandamos as mulleres", proclamou a presidenta "as decisións sobre o noso corpo son nosas e hai unha lei que nos ampara", dixo.
Por último, a presidenta da Deputación de Pontevedra engadiu que espera que o anterior presidente da Xunta e hoxe presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, "salga dicindo que é intolerable e que o Partido Popular non apoia isto" aínda que lamentou que "claro que o apoia", polo que "o Partido Popular non é que sexa cómplice, é parte desta decisión en Castela e León".