A CIG amosa sospeitas sobre a contabilidade de Coserpont que presentou un ERE extintivo
Por Redacción
A empresa Coserpont, encargada da xestión de diferentes establecementos de Pontevedra presentou un expediente de regulación de emprego (ERE) extintivo que afecta a 32 traballadores fixos do equipo desta empresa, ademais da outros 8 traballadores temporais aos que se lles remata o contrato a final de 2013.
O sindicato CIG, a través de Rafael Iglesias, ten sospeitas de actividades irregulares a raíz das preguntas que realiza a administración concursal ante a solicitude do ERE por parte da empresa. No informe provisional dos administradores concursais pregúntanse como esta empresa se mantivo dende 2005 cando só deu beneficios ao vender unha propiedade en 2009. Segundo a CIG, o informe indica que existe falta de credibilidade en relación coa contabilidade da empresa. Por ese motivo, o sindicato nacionalista reclama máis información antes do inicio da negociación do ERE extintivo.
Rafael Iglesias indicou que resulta sospeitoso que Servizos de Galicia, unha empresa participada por Coserpont, vendera as accións de El Cafetín da Alameda unha semana antes de solicitar o concurso. Vendeunas a unha sociedade, Servizos galegos, dun antigo administrador de Servizos de Galicia que é marido da encargada xeral de Coserpont.
Dende o sindicato sinalan que se non se aclaran eses movementos económicos sospeitosos presentarán unha demanda e argumentan que intentarán achegar probas para que o concurso sexa declarado culpable e, desta forma, sexan os administradores da empresa quen respondan co seu patrimonio.