Máis de 600 cans atoparon novo fogar en 2022 tras pasar polo CAAN de Armenteira
Por Redacción
O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra superou en 2022 a simbólica cifra das 600 adopcións. Non chegou ao récord de 660 adopcións do ano anterior, pero deixou a segunda mellor cifra desde súa creación, 616.
Desas 616 adopcións, catro foron no estranxeiro, dúas en Alemaña e outras dúas en Suíza, e os cans deste centro de Armenteira chegaron ata Castela e León (53), Asturias (14), Madrid (5), Andalucía (1), Canarias (1), Murcia (1), Comunidade Valenciana (1) e Castela A Mancha (1).
En Galicia vivían 535 familias, das que 459 foron na provincia de Pontevedra, 25 na Coruña, 45 en Lugo e 6 en Ourense.
O concello con máis adopcións foi Vigo (76), seguido de Pontevedra (42), Gondomar (35), Sanxenxo (22), Meis (19), Poio (16), Meaño (16) ou Vilagarcía, Marín, A Estrada, con 14.
A cifra de 600 animais cun novo fogar alcanzouse o pasado 22 de decembro, en que saíu do centro 'Poncho', que fora recollido un mes antes en Sanxenxo e marchou para Vilagarcía.
Outro dos datos a destacar no 2022 é que se puido dar saída aos animais que máis tempo levaban no CAAN, que alberga nestes momentos a preto de 250 cans e cadelas.
Na actualidade, só hai un can ('Pasalo', de 8 anos e que fora recollido en Sanxenxo) que permaneza no centro desde 2020 e o resto dos veteranos levan desde o 2021.
En canto aos de maior idade, saíu 'Puri', que con 11 anos era a avoa do centro, e agora sucédelle 'Ponta', de 9 anos, unha sabuesa recollida en novembro en Pontecesures e que busca unha familia coa que vivir.
A Deputación fai balance do ano e destaca a leve redución das recollidas de animais, 1.187 fronte ás 1.210 de 2021. Foron unha media mensual de 156,1, o que supón unha baixa do 1,9% respecto ao 2021, en que foran 159,2.
Ademais, da cifra total de animais rescatados, máis da metade, 548, puideron ser recuperados polas persoas propietarias, xa fora no lugar onde se produciu o aviso (240) ou nas propias instalacións do CAAN (308).
Un dos grandes obxectivos que está a lograr o CAAN é que os animais recollidos pasen cada vez menos tempo nas instalacións e atopen máis cedo un novo fogar. Deste xeito, nos últimos dous anos reduciuse á metade, ao pasar dos 123,8 días no 2020 aos 56,1 no 2022, e no 2022 baixou tamén 13 puntos en relación con 2021, en que era de 69,6.
Desde a súa creación en 2015, o CAAN suma xa un total de 3.206 adopcións e son xa 52 os concellos de menos de 50.000 habitantes de Pontevedra adheridos. O centro traballa 24 horas ao día os 365 días do ano, con servizos de recollida e veterinario de urxencia. As adopcións son gratuítas e os animais saen do centro vacinados, con chip, desparasitados e esterilizados.
Tanto para visitas como para formalizar as adopcións pídese cita previa nos teléfonos 986 140 360 ou 886 217 391.