Organizan xuntanzas veciñais para estudar unha mellora do barrio de Altamira
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, visitaba este mércores 4 o barrio de Altamira e rúas da contorna, un espazo céntrico de Pontevedra que para o rexedor se atopa nunha "situación claramente mellorable".
Lores estivo acompañado polos concelleiros Demetrio Gómez e Xaquín Moreda, ademais de dúas arquitectas pertencentes ao estudo Taller Aberto. Elas encargaranse a partir do xoves 12 de xaneiro de iniciar encontros con residentes na zona para estudar as demandas veciñais e presentar alternativas coa intención de buscar unha "solución consensuada" para reformar a rúa.
África Martínez, arquitecta de Taller Aberto, explicaba que nesas reunións recollerán ideas para despois traducilas a linguaxe técnica nun plano ata chegar a elaborar un proxecto que permita desenvolver unha mellora do barrio con "calidade e cos servizos que precisa".
O Concello quere acometer un cambio nesta zona canto antes porque, segundo explicou Fernández Lores, hai xente nova e activa no barrio que "quere darlle unha mellora substancial" coa intención de mellorar a calidade de vida.
David Pereira, representante veciñal, explicou que precisan unha actuación que axude á "dignificación do barrio" ao entender que se atopa ancorado no tempo.
Entre as intervención busca que se realice unha reforma con acabados de calidade, soterramento de instalacións e mellora dos xardíns, que se atopan nunha situación de "limbo" que queren aclarar para que o Concello poida instalar bancos, farois e mobiliario urbano, mellorando a imaxe actual.
O barrio de Altamira conta con 280 vivendas con aproximadamente o mesmo número de familias, segundo este representante veciñal. O barrio inclúe outras rúas da contorna como Villar Ponte, San Antoniño ou Fernando Olmedo, indica David Pereira.
Relacionadas:
-
Altamira ármase de paciencia, vasoiras e capachos para limpar o barrio
Por Anxo Lourido |
-
A veciñanza de Altamira demanda ao Concello limpeza e coidado dos xardíns deste barrio
Por Redacción |
-
Á rica castaña no barrio de Altamira
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Unión do barrio de Altamira para un magosto multicultural con comida caseira e festa
Por Redacción |
-
O mural artístico entre San Antoniño e Altamira xa se amosa en todo o seu esplendor
Por Alejandro Espiño |