Unión do barrio de Altamira para un magosto multicultural con comida caseira e festa
Por Redacción
O barrio de Altamira atópase en pleno proceso de dinamización despois de que o pasado verán a veciñanza decidira organizarse. Este sábado 12 de novembro, como primeira grande actividade para facer barrio, organizarán o seu primeiro magosto multicultural, no que todos os veciños achegarán cartos, comida caseira e bebida para montar unha gran festa de confraternidade.
A organización convoca e anima a todas as persoas con ganas de xuntanza e festa a participar neste magosto a partir das 16.00 horas e ata as 22.00 horas. Haberá festa na rúa Altamira e nas escaleiras a San Antoniño e Fernando Olmedo.
"Este I Magosto é a proba das ganas de cambio, mellora e apertura que se están a vivir no barrio de Altamira", explican desde a organización.
Para facelo posible, colabora todo o barrio. O Estudo Culebra organiza un obradoiro de grafite urbana, a Escola de arte Estudo Bonobo colabora coa megafonía e Froitería Sonia, Panadería Xeve, Chorigal e Manseo achegan productos e servizos.
Os veciños e veciñas do barrio son os encargados da comida e bebida, que aseguran que "non faltará". Cada casa colabora cunha achega económica e/ou con comida caseira, que cociñarán nas súas casas e compartirán con todos.
Tamén colaboran coa festa o músico Aladino Barros e o Concello de Pontevedra.
O Concello ten previsto cortar o tráfico rodado na rúa de Altamira para poder celebrar a festa comodamente e cede para o magosto carpas por se a climatoloxía o require, mesas e bancos. Ademais, encárgase da animación, coa actuación do Grupo musical cultural Os Alegres e xogos tradicionais a cargo de 'Ventos'.
Desde a organización lembran que o 3 de xullo celebrouse a primeira xuntanza veciñal coa finalidade de canalizar as demandas e necesidades que a veciñanza detecta no barrio. Como conclusión, insisten na necesidade dun proxecto de humanización na zona, limpeza e coidado dos espazos públicos e dinamización da vida de barrio.
Estas demandas están a ser trasladadas aos concelleiros de urbanismo e mobilidade e obras e destacan que a colaboración entre a veciñanza de Altamira e o Concello de Pontevedra "está a ser moi boa".
Relacionadas:
-
O barrio de Altamira afianza os seus vínculos cun segundo magosto
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
A veciñanza de Altamira demanda ao Concello limpeza e coidado dos xardíns deste barrio
Por Redacción |
-
Organizan xuntanzas veciñais para estudar unha mellora do barrio de Altamira
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Magosto popular no barrio de Loureiro Crespo
Por Mónica Patxot |
-
Á rica castaña no barrio de Altamira
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O mural artístico entre San Antoniño e Altamira xa se amosa en todo o seu esplendor
Por Alejandro Espiño |
-
A pintura que 'derruba muros' chega a Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O barrio de Altamira constitúe unha asociación e pide que se aplique nesta zona o "modelo Pontevedra"
Por Natalia Puga |
-
"O barrio de Altamira tamén existe" e busca unir forzas para reivindicar máis limpeza e coidado
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |