O interese polas vivendas unifamiliares que impulsou a pandemia pervive en Sanxenxo, en pleno boom de licenzas urbanísticas
Por Redacción
A actividade urbanística de Sanxenxo foi intensa durante o ano 2022. O interese polas vivendas unifamiliares que repuntó coa pandemia da covid-19 pervive no municipio e traduciuse nun aumento das licenzas de obra solicitadas durante o último ano.
Segundo o balance oficial realizado polo Concello de Sanxenxo, o ano pasado recibiron un total de 156 solicitudes de licenzas de obra en 2022, un 38% máis que en 2021.
A maior parte destes permisos pertencen a vivendas unifamiliares e tamén se tramitaron 51 licenzas de primeira ocupación e 25 de parcelacións urbanísticas ou de segregación,.
O departamento de Urbanismo rexistrou en 2022 "un importante incremento en arranxos de cubertas e fachadas de edificios", segundo explican desde o Concello.
Segundo as cifras oficiais do departamento que xestiona a concelleira Flavia Bicada, solicitáronse tamén 569 comunicacións previas para obras menores.
A reactivación do sector do ladrillo no municipio constátase coa reactivación de grandes promocións como as que se están levando a cabo nos terreos da antiga discoteca Zoo, en Luís Rocafort ou a que actualmente se está executando enfronte á praia de Foxos.
As comunicacións previas por inicio de actividade foron 54 durante 2022 e as altas de abastecemento e subministración de auga potable, 159. Ademais, tramitáronse un total de 200 solicitudes de informes e de certificados urbanísticos.
En canto a expedientes de reposición da legalidade, houbo 25. Á caducidade das 10 licenzas de estruturas urbanísticas cuxa tramitación comezou en febreiro do ano pasado sumáronse outras 15 que obrigaron a abrir un total de 25 expedientes de reposición da legalidade urbanística en 2022. Entre as edificacións con licenza caduca atópase un hostal en Arra e varias estruturas en Noalla.
O Concello ten previsto continuar este ano poñendo fin ás estruturas que levan anos paralizadas e as edificacións que xeran os efectos propio do feísmo e provocan graves problemas de salubridade e seguridade nas súas contornas.