Aprobado o orzamento municipal de Poio cos votos en contra do PP
Por Redacción
O Concello de Poio iniciará o ano 2023 tendo xa aprobado inicialmente o correspondente Orzamento municipal para ese exercicio, que ascende a 13,5 millóns de euros, un novo teito histórico, e que destina o 11% (máis de 1,5 millóns de euros) ao apartado de políticas sociais, sendo unha das maiores achegas de sempre a este apartado.
O Pleno da Corporación aprobou estas contas na sesión ordinaria deste martes, grazas aos votos a favor do equipo de Goberno, formado polo BNG, PSdeG-PSOE e Avante Poio. O Partido Popular votou en contra.
O goberno local defendeu que as contas municipais foron elaboradas "con total rigorosidade e prudencia, garantindo ao mesmo tempo a dotación de servizos e consolidando unha saúde económica totalmente estable e saneada, propia dun concello dinámico, xove e que non deixa de medrar en termos de poboación".
Tanto o alcalde, Luciano Sobral, como o equipo de Goberno lembraron que o novo orzamento contempla o mantemento de bonificacións en impostos como o IBI (50% para familias numerosas con rendas inferiores a 30.000 euros anuais ou 25% para edificacións de máis de 15 anos que aposten por obras en favor da eficiencia enerxética) ou a ‘viñeta’ (50% para vehículos híbridos e 75% en eléctricos). Ao mesmo tempo, conxélanse por décimo ano consecutivo as taxas. Tanto é así, que os ingresos por impostos directos caen preto dun 2% con respecto a 2022, debido ao mantemento destas bonificacións e descontos.
"A isto hai que sumarlle a redución da débeda municipal, que fica perfectamente estruturada e que pasa do 65 ao 57%, tras amortizárense máis de 700.000 euros" sinala o equipo de goberno. "Este parámetro queda moi afastado do 110% que marca como tope a normativa vixente. Ademais, non se contemplan novos préstamos bancarios, o que demostra ás claras a capacidade de xestión e a folgura económica da Administración local", conclúen.
O Goberno local salienta, asemade, que as contas están calculadas á baixa, polo que se prevé que a liquidación do exercicio sexa "sensiblemente maior", tal e como vén acontecendo nos últimos anos. Neste sentido, tamén se recorda que a liquidación provisional de 2022, a día 31 de outubro establece que hai comprometidos 4,7 millóns de euros en investimentos, grazas ás xestións realizadas perante outras administracións para a adquisición de diferentes fondos e axudas, cando na súa aprobación inicial contemplábanse algo máis de 600.000 euros. Ademais, estímase que o Remanente de Tesourería volverá aproximarse aos 2 millóns de euros, consolidando a tendencia dos exercicios anteriores.