O PP votará en contra dos orzamentos de Poio porque teñen 'ADN Tripartito'
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Poio vén de anunciar o seu voto en contra dos últimos orzamentos deste mandato propostos polo Goberno local para a súa aprobación no vindeiro pleno.
O portavoz do PP, Ángel Moldes resumiu que "son uns presupostos que seguen a ser feitos co 'ADN Tripartito': chegan tarde, non son participativos nin transparentes, están incompletos" e tamén critica que "tan so un 2,43% do mesmo", uns 327.545 euros, vai destinado a investimentos e dos cales "máis da metade dos investimentos do ano 2023 van para pagar facturas do pasado ano", indicou.
Moldes tamén critica que o Concello de Poio "pecha o ano 2022 e abre o ano 2023 coa maior débeda da provincia, sendo o cuarto de Galicia" cunha cantidade que ascende a 7.961.063 euros a día de hoxe e advirte que "estamos seguros que a previsión do Tripartito é volver a pedir outro préstamo este ano como xa nos teñen acostumados pero que de momento non o dí por ser 2023 ano electoral", resume o voceiro popular.
Segundo Ángel Moldes, a día de hoxe en Poio existe unha débeda de 468 euros por habitante fronte a un investimento por habitante de tan só 19 euros.
O PP tamén afirma que "é un presuposto no que pouco se pode explicar ou emendar porque non deixa marxe de maniobra entre pago de sueldos, bens e servizos e débeda aos bancos xa se esgota".
Por último, o grupo municipal do PP censura que o Goberno local nestes orzamentos "non baixa nin un só imposto e pese a conxelar os impostos, temos os impostos máis altos da provincia e nalgún caso como na basura o recibo máis caro de Galicia".