A oliveira da Praza de España terá unha segunda vida en Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño
Moitas eran as voces que, desde había tempo, reclamaban unha mellor localización para a oliveira situada entre a Praza de España e a Avenida de Montero Ríos, enfronte das ruínas de San Domingos. E así será. O Concello optou por trasladala a Monte Porreiro.
Así o anunciou o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, ao entender que esta característica árbore debe ocupar un espazo "moito máis adecuado" que no que ocupa neste momento e liberalo do parterre que o rodea.
A oliveira, en concreto, será replantada nunha das zonas verdes que rodean o parque infantil da Praza de Europa de Monte Porreiro.
Toda esta zona está a ser obxecto duns traballos de renovación paisaxística e axardinamento que concluirán nas próximas semanas.
Unha vez finalicen estes labores analizarase cal é o mellor sitio para plantar de novo esta oliveira que espera converterse, co paso do tempo, en todo un símbolo do barrio.