Os castiñeiros son protagonistas na historia do convento de Santa Clara
Por Redacción
Os castiñeiros foron protagonistas na historia das monxas do convento de Santa Clara. Son varios os exemplares de importancia desta especie que se manteñen na zona verde do recinto e, ademais, a madeira destas árbores era a preferida das relixiosas tanto para os cadaleitos como para calquera utilización ‘de táboa’, tanto mobles como estruturas.
Así o manifestaron este mércores as doutoras María Martín e Carme Salinero, responsables da última das charlas sobre o recinto conventual, titulada ‘As plantas no pasado e no presente do convento de Santa Clara’.
A primeira en tomar a palabra foi María Martín, experta en arqueoloxía e arqueobotánica, isto é, no estudo das relacións entre as comunidades humanas e as plantas a partir da análise dos restos vexetais recuperados en contextos arqueolóxicos. Ela foi a responsable de falar das plantas no pasado de Santa Clara grazas ás escavacións e á investigación sobre tres tipos de materiais atopados: carbóns, madeiras e fibras vexetais.
No carbón atopado apareceron restos dun xenebreiro, árbore cuxas baias aromatizan licores como a xenebra e que tamén serve para aderezar as carnes e ten propiedades medicinais.
Finalmente, a experta en arqueobotánica falou de obxectos elaborados en fibras vexetais, tecidos e cenefas asociadas a actividades do convento que se acharon nas tumbas. Fixo referencia ao sudario, de liño probablemente, así como á cenefa atopada sobre a madeira dun dos cadaleitos atopados no convento, o único existente de piñeiro, moi probablemente dunha abadesa ou alguén destacado.
Pola súa banda, a responsable da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) Carme Salinero foi a encargada de falar das plantas que existen na actualidade no convento. A técnica fixo un percorrido polo traballo de inventario e identificación das plantas do xardín de Santa Clara e sinalou que téñense localizado varias árbores “de importancia” que se poderían conservar polas súas características, así como outros exemplares en mal estado que, por estar mortos ou afectados con algunhas patoloxías, é aconsellable retirar.
En total, destacou que para o seu estudo se dividiu o terreo en catro partes e que, sen contar plantas herbáceas nin bulbosas, hai nestes momentos 336 exemplares de 41 especies botánicas. O maior número está no claustro, con 20 especies, mentres que na horta hai 17, outras 10 no pomar e 14 no bosque. Só de vide hai contabilizados 163 pés de viña.
No catálogo de especies destacan, tanto polo seu grosor, envergadura, como pola súa altura, algunhas pezas como un buxo duns cinco metros de altura ou un loureiro de aproximadamente seis metros. Como non podía ser doutro xeito, tamén son sinalados algúns castiñeiros situados ao lado da muralla e na zona do ‘bosque’, así como tamén catro sequoias de gran tamaño que se din irmás das que chegaron a Poio no 1992 pola conmemoración dos 500 anos da chegada a América.
Asegurou Salinero que son tamén singulares dúas oliveiras que están plantadas a carón da ermida do medio da finca. Por número destacan as moitas árbores froiteiras repartidas polas diferentes zonas, en concreto a grande cantidade de maceiras (máis dunha vintena), limoeiros, laranxeiras e outros, xunto a un kaki e dúas camelias.
Segundo subliñou a técnica da EFA, con todos estes datos haberá que ver se algunhas das árbores e plantas se poden transplantar se se queren conservar, como por exemplo no claustro, onde se fixeron recheos con terra nos últimos anos para plantar verduras no inverno.
Relacionadas:
-
Santa Clara celebra un ano de apertura ao público integrándose no Museo de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz & Mónica Patxot |
-
Estiman que a rehabilitación de Santa Clara irá a 22 millóns: "En Galicia non houbo un proxecto tan ambicioso como este"
Por Oskar Viéitez |
-
Atopan dúas balas en Santa Clara: un proxectil das guerras carlistas e outro da Guerra Civil
Por Redacción |
-
Na busca do balón perdido
Por Manu Otero |