A Xunta ten previsto investir 8,8 millóns nos vindeiros meses en Caldas de Reis
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este mediodía que o Goberno galego executará ou activará investimentos por 8,8 millóns de euros nos vindeiros meses no concello de Caldas de Reis, segundo se analizou na sesión mensual de decembro da Comisión Territorial de Coordinación da Delegación da Xunta en Pontevedra celebrada este martes na nova Oficina Agraria Comarcal.
"Tras investir recentemente na mellora de pistas, no Camiño de Santiago por mor deste dobre Xacobeo, no obradoiro de emprego e os cursos de formación ou nos centros educativos, entre moitas outras, xa traballamos nunha ducia de actuacións máis que estarán en marcha e incluso se rematarán o próximo ano", dixo Luis López.
Programáronse, como investimentos inminentes, a ampliación do IES Aquis Celenis coa redacción do proxecto, de gran complexidade técnica; a posta en marcha do Centro de Fabricación Avanzada a prol da Agrupación de Cooperativas Lácteas (pertencente a Clesa); a creación dun aparcadoiro disuasorio público e gratuíto de 72 prazas en Saiar; e a dotación da rede de saneamento e depuración nas zonas rurais de Paradela e Reguengo, por citar os máis destacados.
Tamén haberá importantes avances e investimentos nas concentracións parcelarias de Bemil, que vén de ser decretada e na que se procederá á declaración ambiental, a investigación da propiedade e a redacción das bases; a de Saiar, coa elaboración e entrega dos títulos de propiedade; e a de Godos, na que se redacta o proxecto para a mellora de acceso a fincas.
"Estamos moi satisfeitos dos investimentos programados para Caldas e tamén do grao de cumprimento e do cronograma, pero a cifra aínda será maior, posto que a Xunta vai construír un novo centro de saúde ao abeiro do Plan de Infraestruturas Sanitarias cando teñamos unha parcela, por parte do Concello, que cumpra cos criterios técnicos e urbanísticos", detallou o delegado territorial.
O delegado territorial sinalou que son uns investimentos "perfectamente visibles, que proceden de todas as consellerías e que amosan o ánimo do Goberno galego para colaborar co seu futuro e coa calidade de vida dos veciños", explicou Luis López.
COMISIÓN TERRITORIAL DE COORDINACIÓN
O representante autonómico, acompañado pola secretaria territorial e pola ducia de xefes territoriais das distintas consellerías que conforman a Comisión Territorial de Coordinación da Delegación da Xunta en Pontevedra, foi recibido na remozada dependencia rural polo alcalde, Juan Manuel Rey, e por outros membros do goberno local e agradeceu a acollida no municipio para celebrar esta comisión ao abeiro do seu percorrido itinerante por toda a provincia.
Na reunión fíxose un estudo de situación das principais cuestións da Xunta de Galicia nos 47 concellos da área territorial, abordando o balance final deste dobre Xacobeo, a inminente suba das peaxes das autoestradas, a situación sanitaria da pandemia da covid-19 tras a inoculación da cuarta dose da vacina, os Orzamentos 2023, os Bonos Activa Comercio, Bono Cultura e Bono Turístico 2022 ou os niveis de emprego e outras cuestións de índole socioeconómica, entre outras.