O alcalde Lores explica aos escolares do San José para que serve o Concello
Por Manu Otero
Escolares do colexio San José foron recibidos esta mañá no Concello polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen explicou ao alumnado cal é o labor de todas as persoas que forman parte do goberno local.
Un total de vinte nenos e nenas de cuarto de Educación Primaria, acompañados por dous profesores, acudiron este martes, ao redor das 12 horas, á sala de xuntas da alcaldía do Concello de Pontevedra. Alí esperábaos o rexedor para responder todas as dúbidas que os menores podían ter achega do funcionamento da cidade.
O motivo que levou aos escolares ao Concello é que nas aulas están a estudar a Constitución, as institucións que compoñen o Estado e como funciona a democracia. Un tema demasiado denso para menores de 10 anos, polo que a misión de Lores era achegar unha visión máis práctica e didáctica do que supón dirixir unha administración local.
"No Concello se decide todo o que se fai na cidade. Por exemplo que festas facemos, canto duran, a organización do Salón do Libro e outras moitas cousas que xa sabedes", comezou o rexedor a súa explicación. Pero non só fixo fincapé en iniciativas lúdicas, tamén lles lembrou que é misión do Concello levar auga potable ás casas, manter as rúas limpas e velar polo cumprimento das normas.
"En Pontevedra hai moitas pintadas nas paredes", interrompeu un dos escolares. Algo que recoñeceu Lores e aproveitou para explicar que unha das responsabilidades da Policía Local é dar cos "gamberros" que fan este tipo de actos vandálicos. Ademais, fixo fincapé en que é responsabilidade de toda a cidadanía manter a cidade en bo estado. "Igual que recoller os excrementos dos cans cando os sacamos a pasear", engadiu.
O modelo de cidade foi outro dos temas tratados. E para explicarlle a importancia, Lores apelou ao que máis lle afecta a estes pequenos estudantes. "O Concello quitou os coches da praza do Teucro para que poidades xogar sen perigo", díxolles para que entendan os motivos polos que se restrinxiu o tráfico de coches polo centro histórico.
O encontro terminou cunha pequena lección de xeografía. Aproveitando a fotografía aérea de grandes dimensións que colga da parede da sala de xuntas do Concello, Lores axudou ao alumnado para situar no mapa todos os lugares emblemáticos da capital, como a praza de touros ou o estadio de Pasarón.
Relacionadas:
-
Comeza a sétima edición de "Depoemprende na escola" con 15 cooperativas
Por Redacción |
-
Escolares do San José protagonizan a primeira visita ao Concello desde o estalido da pandemia
Por Manu Otero |
-
Estudantes de Polonia, Alemaña e Francia visitan a cidade por primeira vez desde o inicio da pandemia
Por Redacción |
-
Alumnado do Froebel e de Barcelos, protagonista na Alameda da inmunidade que dá a lingua
Por Mónica Patxot & Redacción |