Expertos de todo o Estado falarán en Pontevedra sobre prevención dos incendios, modelo forestal e usos do solo
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra celebra o vindeiro luns, 12 de decembro, o primeiro Congreso sobre Prevención, Modelo Forestal e Usos do Solo, unha actividade que se enmarca dentro das accións do proxecto Interlumes de defensa contra incendios forestais na fronteira Hispano-Lusa.
Este proxecto internacional xorde baixo a premisa de que o lume non entende de fronteiras e os incendios castigaron duramente nos últimos anos os recursos naturais na área fronteiriza, que conta con espazos protexidos de gran valor, o que obriga as administracións implicadas a desenvolver actuacións conxuntas e enerxéticas.
Desta maneira, busca contribuír a aumentar a resiliencia territorial para estes riscos naturais mediante o fortalecemento da capacidade de extinción, prevención e de resposta conxunta, mellorando a coordinación a través dun Plan de Actuación Conxunta e incrementando a capacidade de resposta de medios de extinción que favorezan un despregamento máis áxil e rápido na loita contra incendios.
No congreso, moderado pola coordinadora do proxecto, María Honorina Barrio, exporanse as experiencias de expertos de todo o territorio nacional, que compartirán información sobre accións levadas ao abeiro de Interlumes, ademais de tratar diferentes temáticas relacionadas coa extinción de incendios.
Así, trala presentación do congreso, a xornada comezará coa intervención de Guillermo Fernández, subdirector xeral de Política Forestal e Loita contra a Desertificación do Goberno, que falará da Estratexia Forestal Española (EFE) horizonte 2050; Lídia Guitart, enxeñeira forestal e xerente da Asociación de Propietarios Montnegre i el Corredor (Barcelona) do papel das asociacións de propietarios na xestión forestal, e Bruno Antunes, coordinador-rexional do Norte, da Axencia para a Xestión Integrada de Lumes Rurais (AGIF), do sistema de xestión integrada de lumes rurais en territorios transfronteirizos.
Esta xornada técnica continuará coa intervención de Virginia Carracedo, xeógrafa e doutora pola Universidade de Cantabria, que falará do despoboamento rural e o cambio climático, incidindo nos combustibles forestais; Óscar Sánchez, xefe do servizo de Medio Ambiente da Deputación de Salamanca, da colaboración entre territorios para mellorar a loita contra os incendios forestais, e Alberto Cerrillo, CEO da empresa Vexiza, explicará a tecnoloxía SIG como unha ferramenta de grande utilidade na loita contra incendios.
INTERLUMES
Este proxecto Interlumes está financiado nun 75% con fondos FEDER a través da 4ª convocatoria do Programa de Cooperación Interreg V a España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.
A Deputación de Pontevedra é un dos socios deste programa, coordinado pola Dirección Xeral de Defensa do Monte, xunto coa Dirección Xeral Patrimonio Natural e Política Forestal da Xunta de Castela e León, a Dirección Xeral de Política Forestal, Consellería de Agricultura, Desenvolvemento Rural, Poboación e Territorio de Extremadura, a ANECP – Autoridade Nacional de Emergência e Proteçao Civil de Portugal e as deputacións de Ourense, Salamanca e Zamora.
Relacionadas:
-
RADIO.- "Os lugares onde se produciron os grandes lumes de 2017 están en condicións de darnos outro gran susto"
Por Marisa Ciordia |
-
A mala combustión dunha cociña de leña acaba con tres veciñas de Ponte Caldelas no hospital
Por Redacción |
-
Un veciño de Armenteira, trasladado ao hospital como consecuencia dun incendio na súa vivenda
Por Redacción |
-
Un grupo de 50 voluntarios quere plantar 12.000 árbores en montes de Carballedo manualmente e mediante drons
Por Redacción |
-
Un incendio calcina dous vehículos e material almacenado no garaxe anexo a unha vivenda en Noalla
Por Redacción |