No 2017 a Escola de Enxeñaría Forestal do Campus de Pontevedra embarcábase nun proxecto pioneiro de ámbito provincial: un estudo integral de prevención de lumes promovido pola Deputación. Seis anos despois daquel punto de partida, o centro pontevedrés participa en iniciativas de ámbito autonómico, nacional e internacional con ese nexo: prevención de lumes forestais.
Volvemos convidar ás 'Conversas na Ferrería' a Juan Picos, director en funcións da Escola de Enxeñaría Forestal do Campus de Pontevedra; Laura Alonso, doutora en Enxeñaría Forestal e Julia Armesto, profesora da EIF. O tempo transcorrido confirma as súas sospeitas iniciais: "o que pasou é que, - non só en Galicia, noutras rexións tamén -, cada vez hai menos lumes pero algúns son moito máis dificiles de controlar". E engaden que aqueles lugares onde se produciron os grandes lumes do 2017 "están en condicións de darnos outro gran susto en calquera momento".
Hai tres elementos a controlar nesta prevención: a topografía, sobre a que non se pode actuar; a meteoroloxía, que conduce a un cambio climático con períodos maiores de secas, temperaturas por encima das medias, "e por tanto combustibles moi secos". É neste terceiro elemento, os combustibles, sobre os que hai que incidir para mellorar o comportamento dos lumes: "a cuestión é determinar que actuacións son as máis eficaces. Por iso é esencial ter unha cartografía de combustibles actualizada".
Nesta liña están a traballar coa Consellería do Medio Rural e a Escola Forestal da USC, realizando un inventario forestal "ano a ano cun sistema de alerta concreto". Doutra parte, a través do Goberno Central desenvolven un proxecto nacional que está a profundar "na importancia da protección do patrimonio arqueolóxico como elemento de protección da contorna e dos lumes". E con fondos europeos, desde o 2020 participan no FIREPOCTEP, que acaba de ser prorrogado coa participación de case vinte socios de España e Portugal, traballando en "como mellorar o territorio para evitar os grandes incendios". O primeiro estivo liderado pola Junta de Andalucía e este segundo está coordinado pola Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra.
Outro dos proxectos internacionais nos que traballan é o H2020, con socios de doce países e está enfocado en "a resiliencia das masas forestais ás perturbacións ocasionadas polo cambio climático". Unha das preguntas para resolver é que vai pasar cos climas futuros e polo de agora a resposta xa é evidente: "que imos pasar aprietos".
O podcast completo está dispoñible para escoitar na ligazón adxunta e tamén escoitar e descargar desde a web de PontevedraViva Radio.