Persoas con discapacidade funcional aprenden a facer compras básicas en Cuntis
Por Redacción
Ao redor dunha ducia de persoas residentes en Cuntis que presentan discapacidade funcional participan no programa municipal Habilitas Fogar para mellorar o seu grao de autonomía.
Este programa desenvolvido ao longo do ano execútase cunha achega da Deputación de Pontevedra que alcanza os 14.256 euros, a través do Plan Concellos.
A proposta permite que estas persoas desenvolvan actividades básicas da súa vida diaria referentes ao autocuidado, fomento do coñecemento da contorna e uso dos recursos comunitarios.
Durante este 2022 realizáronse 261 sesións individuais como acometer unha tarefa concreta na vivenda ou acudir a realizar unha compra básica. Tamén se efectuaron 123 horas en sesións grupais con habilidades para desenvolver a autonomía tanto dentro do fogar como fóra da súa residencia.
Estas aprendizaxes puxéronse en práctica durante as saídas e estancias, un apartado do programa que contou cunha fin de semana fóra do domicilio e unha saída de catro días, co obxectivo tamén de facilitar un descanso aos seus coidadores habituais.
Manuel Campos, alcalde de Cuntis, entende que resulta fundamental o mantemento dunha contorna estable, segura, sinxela, facilitadora e adaptada, a través dun método de traballo que establece rutinas para estruturar as actividades mediante o adestramento e a adquisición de habilidades necesarias para realizar estas accións, sempre con linguaxe sinxela e adaptada aos niveis de comprensión de cada persoa. Ademais, o rexedor considera fundamental este traballo para ofrecer un respiro para as familias coidadoras habituais.
Relacionadas:
-
Os valores do deporte locen de novo na Illa das Esculturas
Por Redacción |
-
O programa social 'Habilitas fogar' do Concello de Cuntis recibe unha axuda da Deputación
Por Redacción |
-
Cuntis estuda a fórmula para retomar os seus programas Habilitas para a integración de persoas con discapacidade
Por Redacción |