Cerdedo-Cotobade continúa o proceso de recuperación de elementos etnográficos cunha fonte en Rebordelo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade continúa co seu proceso de recuperación do patrimonio etnográfico do municipio e acaba de pechar unha nova actuación, que devolveu o seu esplendor á chamada 'Fonte Cuberta', no lugar de Quinteiro de Abaixo, na parroquia de Rebordelo.
O alcalde, Jorge Cubela, supervisou o remate dos traballos de rehabilitación, que incluíron a limpeza do espazo perimetral, a recuperación da canle de pedra e levantar un novo muro de mampostería.
Os traballos tamén supuxeron dotar dun piso enlousado a toda a zona do lavadoiro e renovar a súa cuberta.
Cubela salientou a beleza desta fonte-lavadoiro, da que sinala que "foi construída con auténtica mestría polos nosos antergos".
Estes traballos de rehabilitación na 'Fonte Cuberta' están incluídos dentro dun ambicioso plan que está a acometer o Concello para rescatar do esquecemento e posta en valor de elementos pertencentes ao inxente patrimonio etnográfico que posúen os diversos lugares e aldeas.
O rexedor manifestou o seu desexo de "seguir recuperando todos estes elementos que forman parte da nosa cultura e do noso modo de ser ao tempo que son unha homenaxe a aquelas persoas que co seu esforzo e sacrificio foron quen de facer naqueles tempos verdadeiras obras de enxeñería para o uso colectivo como é o caso desta fonte-lavadoiro".
A intención do Concello é seguir nesta liña recuperando ese importante patrimonio etnográfico e dando resposta ás peticións e suxestións da veciñanza en función das posibilidades e da dispoñibilidade da facenda local e das distintas subvencións e axudas que poidan xestionar ante outras administracións.