Mil persoas visitan Santa Clara en sete horas no primeiro aniversario da súa adquisición
Por Redacción & Cristina Saiz
Mil persoas pasaron este sábado en tan só sete horas por Santa Clara na que foi a primeira de dúas xornadas de portas abertas e visitas guiadas organizadas polo Concello de Pontevedra coincidindo co primeiro aniversario da súa compra.
A cidade volveu amosar, desta forma, o interese por estas instalacións relixiosas que durante séculos permaneceron pechadas ao público, tal e como sucedera nos últimos meses en xornadas de portas abertas de natureza similar.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda, tamén quixeron achegarse ata as portas de Santa Clara e o rexedor destacou que estas xornadas desta fin de semana son "unhas das máis completa que fixemos ata o de agora" por mor da presencia de expertos e profesionais que divulgan e poñen en contexto os achados que foron aparecendo nos últimos meses e que se están a incorporar á historia da cidade.
O interese cidadá nestas visitas demostra, en palabras de Lores, que a súa adquisición por parte do Concello é "unha enorme ilusión compartida por todos os pontevedreses e pontevedresas".
O alcalde insistiu en que Santa Clara segue a funcionar como unha cápsula no tempo que achega ducias de historias e que segue a reclamar o interese da poboación.
Desde as anteriores visitas realizadas despois da compra, as instalacións experimentaron un enorme cambio e, ademais, nesta ocasión, os visitantes reciben información complementaria.
Lores sinalou, despois de falar con algúns dos visitantes, que "toda a xente á que lle estamos a preguntar esta mañá logo de realizar a visita sae encantada", pois "recibe moitísima información e nótase o orgullo que senten ao comprobaren como a cidade puido incorporar Santa Clara, un grande espazo arquitectónico e natural, ao servizo público".
Santa Clara volve a abrir as súas portas este domingo 4 de decembro en horario continuado de 10.00 a 17.30 horas.
A igrexa é o "centro de recepción de visitantes" onde se proxecta un vídeo duns tres minutos sobre os labores de escavación e os datos históricos dos que agora se dispoñen sobre Santa Clara. Faise un percorrido polos traballos arqueolóxicos guiado polos profesionais que traballaron neles.
Logo de acceder á igrexa, os visitantes entran pola porta de carros para dirixirse ata o edificio do século XVIII, á chamada sala das tullas onde se atoparon muros das antigas edificacións de Santa Clara. Trátase dun baixo non aberto ao público xa que estaba totalmente cheo de entullos.
Continúan cara o lagar e a adega, para saír polo claustro onde poden ver os enterramentos sen os ósos retirados para o seu estudo. A continuación, saen cara o exterior para ver as canalizacións e pavimentos atopados ao carón do antigo cemiterio e trasládanse polo xardín ao antigo refectorio e a cociña coa lareira, onde se lles indican os costumes e a evolución daquelas dependencias.
Antes de saír, pasan pola parte máis antiga da edificación, onde se lles explican as hipóteses que se barallan sobre a creación do convento.
Relacionadas:
-
As monxas de Santa Clara facían teatros replicando os autos de fe da Inquisición
Por Redacción |
-
Perdiches o teu balón tras os muros de Santa Clara? O Concello abre unha vía para recuperalos
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Santa Clara deixa de ser un misterio para 2.400 persoas nunha fin de semana
Por Redacción |
-
Sete horas ao día para traspasar de novo os muros de Santa Clara
Por Redacción |
-
Santa Clara celebrará o seu primeiro ano 'público' con visitas guiadas e faladoiros sobre a súa historia
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |