E un dos gañadores do sorteo de PontedeTapas é... Rafael Louzán!
Por Redacción
Con cara de asombro e sorpresa. Así quedou a concelleira de Turismo, Carlota Román, ao comprobar que un dos gañadores do sorteo da edición deste ano de PontedeTapas non era outro que o presidente da Deputación, Rafael Louzán.
Isto sucedía este venres 13 na Casa dá Luz onde se desenvolvía o sorteo entre todos os boletos dos clientes que seleccionaran as mellores tapas e cócteles dos establecementos que participaron nesta edición. Miles de papeletas encontrábanse esparexidas polo chan e unha das mans inocentes das traballadoras da oficina de Turismo seleccionou o boleto agraciado cun premio dun cheque-regalo de 350 euros para gastar no comercio local. A concelleira leu o nome do participante e exclamou: ¡No puede ser verdad: Rafael Louzán Abal!
A tarxeta de participación só incluía un correo electrónico e o nome completo do presidente provincial. Encontrábanse desertos outros apartados de información persoal e tampouco aparecían puntuadas as mellores tapas. A falta de datos provocou unha reacción inmediata: "se tratará de una broma", dixo algún dos asistentes ao sorteo. As bases, non obstante, non obrigan a encher todo o contido dos boletos.
Unha vez que a organización se puxo en contacto con Rafael Louzán, este confirmou que el participara no concurso. Fontes do Partido Popular sinalaron que o presidente provincial acudira a varios dos locais que concursaron en PontedeTapas. "El vai moito de tapas", comentaron na sede provincial do PP. Non obstante, o presidente pontevedrés non recorda con exactitude se cubrira algún boleto ou se algunha das persoas que o acompañaban o cubrira por el. Desta forma, sinala que se a organización verifica a autenticidade da papeleta, recibirá o cheque regalo para doalo ao comedor de San Francisco. En caso de que non se poida comprobar, o presidente entende que o mellor sería que o premio fose sorteado de novo.
En todo caso, Louzán acudirá a recibir o premio na gala final que se celebrará o luns 16 a partir das 19.30 horas no auditorio de Novacaixagalicia. Na gala final escolleranse os dous locais gañadores no concurso de tapas e de cócteles. Ademais do de Louzán, van entregarse dez cheques-regalo a outros dez participantes por un valor apróximado de 4.000 euros. A gañadora da viaxe a Viena para dúas persoas nesta edición é Candela González.