Os premios Best in Class 2022 son recibidos como un "recoñecemento" ao traballo en equipo dos profesionais da área sanitaria
Por Anxo Lourido
O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores; o xefe de servizo do centro de saúde de Vilanova de Arousa, Antonio Regueiro; a coordinadora de enfermería do centro Virxe Peregrina de Pontevedra, Pilar Barreiro; e os xefes de servizo de Dermatoloxía, Ángeles Flórez e de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Juan Turnes, destacaron a importancia da concesión dos tres premios nacionais Best in Class 2022.
Os premios este ano galardoaron iniciativas asistenciais de Dermatoloxía e de Aparello Dixestivo así como a aplicación de programas de mellora de calidade e innovación nos centros de saúde Virxe Peregrina e de Vilanova de Arousa.
Antonio Regueiro dedicou o premio a toda a xente que traballa na Atención Primaria "porque levamos uns anos de penurias e dificultades" e destacou que a Atención Primaria atópase sempre preto da poboación, "que sabe que estamos en dificultades". Sinalou que o premio é un "estímulo para seguir traballando en equipo".
Pola súa banda, Pilar Barreiro, coordinadora de enfermería, que falou no lugar da xefa de servizo do centro Virxe Peregrina ao non poder asistir a este acto, destacou que cualificou de "penoso" o momento que se está vivindo na Atención Primaria. "Estamos a traballar moitísimo, moitísimo" para engadir "queremos que a poboación se sinta o máis apoiada posible".
Barreiro admitiu que o premio é "un recoñecemento e estímulo" e convidou a que a poboación vexa "que se están facendo moitas cousas e comproben que temos unha sanidade de calidade".
Pilar Barreiro, coordinadora de enfermería no Virxe Peregrina: "queremos que a poboación se sinta o máis apoiada posible"
Pola súa banda, Ángeles Flórez, considerou fundamental o apoio da xerencia para desenvolver os proxectos destacando que se renovou a certificación de calidade de consultas externas para o servizo de Dermatoloxía. Insistía tamén en que traballan en ensaios clínicos e proxectos internacionais que permiten aos pacientes recibir fármacos que son de innovación.
Este servizo de Dermatoloxía recibiu cinco premios nacionais como mellor Unidade de Psoriase en atención ao paciente e recibiu cinco estrelas BIC. Ademais é un servizo Sostible, con obxectivos da Axenda 2030, de mellor ambiental, con persoal que se dedica a tempo completo ao terreo da investigación clínica, enfermería con autonomía e persoal vinculado á docencia.
Pola súa banda, Juan Turnes, xefe do servizo de Dixestivo, que recibiu o terceiro premio consecutivo quixo referirse ao recoñecemento que se fai nestes galardóns ao Centro de Saúde de Vilanova co que colaboran con frecuencia. Afirmou que o maior logro deste ano, e motivo principal do premio recibido polo seu departamento, foi cristalizar o funcionamento con técnicas de intelixencia artificial para eliminar a hepatite C.
Turnes asegura que se trata dunha técnica ambiciosa en Pontevedra fronte ao resto do mundo e que agora se vai a expandir a toda Galicia. "Outras comunidades non son capaces porque carecen do nivel de Big Data" que, segundo expuxo, ten a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés para diagnosticar ás persoas que descoñecen que teñen hepatites C. "Que teñamos todo nun único nivel de servidores para acceder de moitas formas permite saber toda a información médica de cidadáns. É un nivel de información tremendo, como un mini Google", asegurou.
Este sistema permitiu identificar a persoas que se atopen en situación de risco, casos de persoas que recibiron transfusións de sangue ou realizaron intervencións cirúrxicas antes da década dos 90 ou persoas que realizaron un piercing ou unha tatuaxe en anos previos á última década cando xa se regularon estas prácticas. "Cando vaian ao centro de saúde e pidan unha analítica solicitaráselle unha de Hepatite C", argumentou para destacar este elevado nivel de identificación.
Durante o período de testeo deste sistema electrónico na área sanitaria, detectáronse a 14 pacientes con VIH e hepatite C, e a 99 con hepatite C, das que se recuperou a un 64%. "Se non fosen ao médico de Atención Primaria, descoñeceríano porque a enfermidade non ofrece síntomas", engadiu Turnes.
José Flores, xerente da área sanitaria, destacou os traballos de investigación e calidade dos servizos da área sanitaria durante esta presentación.
Relacionadas:
-
O Complexo Hospitalario de Pontevedra recibe o 'Best In Class' ao mellor hospital de alta complexidade
Por Redacción |
-
O Plan galego de eliminación da Hepatite-C é un "referente mundial"
Por Redacción |
-
A hepatite autoinmune, unha enfermidade rara con "incidencia alta" na área sanitaria pontevedresa
Por Redacción |
-
Cambio na xerencia da área sanitaria e inmunodepresión social ante a falta de médicos
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz & Mónica Patxot |
-
José Flores, xerente da área sanitaria: "Os contratos que temos hoxe aquí son os mellores que se poden ofrecer"
Por Anxo Lourido |
-
Os servizos de Dermatoloxía e Dixestivo da área sanitaria e o Ambulatorio Virxe Peregrina, os 'Best in Class' de España
Por Redacción |
-
Investimento de case 6 millóns de euros nunha nova sala de hemodinámica no hospital Montecelo
Por Redacción |
-
O Servizo do Aparello Dixestivo do CHUP xa é referente nacional na atención á hepatite C
Por María José Pita |