O Servizo do Aparello Dixestivo do CHUP xa é referente nacional na atención á hepatite C
Por María José Pita
O Servizo do Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) recibía este martes 16 de novembro en Santiago de Compostela o galardón nacional Best in Class 2021 pola atención asistencial á hepatite C. Trátase dun premio convocado pola Gaceta Médica en colaboración coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos para recoñecer os centros sanitarios que buscan a excelencia na atención que prestan aos seus pacientes.
Un día despois, o salón de actos do Hospital Provincial foi o escenario elixido para facer a presentación deste premio aos medios de comunicación. O acto contou coa presenza do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, acompañado polo xefe de servizo do Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), Juan Turnes, e Carlos Sánchez Montes, paciente e representante da Asociación Galega de Deportistas Transplantados e en Diálise (DETRADI GALICIA).
"Este premio non é só para o Servizo de Dixestivo, porque na que poderiamos denominar como a Unidade de Hepatite C traballan dixestólogos; enfermeiras, que fan un traballo excepcional especialmente nestes dous últimos anos da pandemia; o Servizo de Microbioloxía, do que estes dous anos se falou moito polo covid pero que foi imprescindible para a eliminación da hepatite C; Farmacia; Admisión; Atención Primaria; e varios grupos profesionais, decenas de persoas traballando", recoñecía o doutor Turnes.
DOUS ANOS CONSECUTIVOS COMO BEST IN CLASS
Dáse a circunstancia de que este mesmo Servizo do Aparello Dixestivo repite galardón, xa que foi recoñecido tamén na edición anterior de 2020 pola atención aos pacientes de hepatite C. O doutor Turnes recoñecía que o desexo do seu equipo é non volver a obter este premio, porque iso significaría a total erradicación da hepatite C na área sanitaria.
Neste sentido, o xefe do Aparello Dixestivo do CHUP destacaba que a área sanitaria pontevedresa, cos seus protocolos, está a liderar a curación dos pacientes de hepatite C e a detección precoz daquelas persoas infectadas que, a pesar de seren asintomáticas, nalgún momento da súa vida desenvolverán unha enfermidade hepática grave, como a cirrose ou o cancro. Ademais, a área sanitaria supera con diferenza o obxectivo da Organización Mundial da Saúde para a futura erradicación da enfermidade e que sitúa o indicador de redución da mortalidade nun 60% para o ano 2024. Desde o CHUP, esta marca atópase a día de hoxe no 81%.
Desde o ano 2015, coa aparición dos novos tratamentos antivirais, o Servizo de Dixestivo pontevedrés xa suma máis de 1.150 pacientes tratados, dos que máis do 98% xa están libres do virus.
"A curación dunha persoa custa aproximadamente 7.000 euros. Pode parecer moito? O certo é que se analizamos o diñeiro que se inviste en curar a esa persoa e que evita que desenvolva outra enfermidade, non só do fígado, a recuperación dese diñeiro é dez veces superior ao investido. Por tanto eu non diría que é un custo, se non un investimento", apunta Juan Turnes, á vez que destaca que esa cantidade é a que cubre o pago da medicación, ao que habería que sumar todos os recursos e profesionais que a Sanidade Pública pon a disposición do paciente.
A CURACIÓN EN PRIMEIRA PERSOA
Como representación destes pacientes, Carlos Sánchez Montes achegaba o seu testemuño. Desenvolveu unha grave doenza de fígado a pesar de non ter antecedentes de consumo de alcol. Grazas ao estudo do seu caso por parte do equipo médico do Servizo do Aparello Dixestivo detectouse que estaba infectado do virus da hepatite C, contraído durante unha Misión Internacional como militar, cando recibiu un corte con navalla por parte dun lugareño.
A noite do 1 ao 2 de xaneiro de 2014, tras un ano en lista de espera, unha esperanza de vida moi limitada e tras dun primeiro intento de recepción dun órgano que resultou non ser válido, recibía un transplante de fígado. Pero non acababa aquí a loita para este paciente, xa que o virus da hepatite C seguía activo e, segundo informáronlle, as enfermidades derivadas do virus desenvólvense con maior rapidez en persoas transplantadas.
Toda esta incerteza, as dúbidas e os medos despexáronse un ano despois, cando en 2015 se anunciou que un tratamento podía eliminar por completo o virus. Deste xeito, unha pastilla ao día durante dous a tres meses, e sen efectos secundarios, devolveu a esperanza e a calidade de vida a Sánchez Montes, quen agradecía publicamente o labor do equipo do doutor Turnes e de todo o persoal que atende no Complexo Hospitalario de Pontevedra. A continuación, emocionábase ao facer un chamamento á doazón de órganos porque "me salvou a vida e sen dúbida a doazón é a proba evidente de que hai vida despois da morte", sinalaba.
Relacionadas:
-
O Plan galego de eliminación da Hepatite-C é un "referente mundial"
Por Redacción |
-
Os premios Best in Class 2022 son recibidos como un "recoñecemento" ao traballo en equipo dos profesionais da área sanitaria
Por Anxo Lourido |
-
Os servizos de Dermatoloxía e Dixestivo da área sanitaria e o Ambulatorio Virxe Peregrina, os 'Best in Class' de España
Por Redacción |
-
O maior consumo de alcol durante a pandemia augura un aumento de doenzas hepáticas na área sanitaria
Por Redacción |
-
Nuria Cruz, presidenta de Alcer Pontevedra e transplantada de ril: "Un só doante salva sete vidas"
Por Diana Eiras & María José Pita |
-
O CHUP lembra a importancia de participar nos cribados contra o cancro colorrectal
Por Redacción |
-
Pontevedra, primeira área sanitaria galega que trata a obesidade con gastroplastia endoscópica
Por Redacción |
-
O Servizo do Aparello Dixestivo do CHOP logra o seu segundo Best in Class pola súa atención á hepatite C
Por Redacción |
-
A atención á hepatite C na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é "a mellor na súa clase"
Por María José Pita |
-
A atención á Hepatite C polo servizo dixestivo de Pontevedra acada o 'Best in class 2020'
Por Redacción |