Inician obras de emerxencia para reparar o dano das choivas na estrada entre Borela e Ponte Caldelas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra iniciou este xoves as obras de emerxencia na EP-0407 que une Borela con Ponte Caldelas para garantir a seguridade no vial.
Esta estrada resultou danada polo efecto que as continuas choivas nos últimos meses provocaron na calzada.
En concreto a actuación céntrase no punto quilométrico 7+805, no Concello de Ponte Caldelas, onde se detectou o desprendemento dun noiro.
A actuación iniciada pola institución provincial consistirá na reparación do noiro para garantir a viabilidade e seguridade e evitar riscos na circulación. Todo cun custo de 60.000 euros e un prazo de execución de dous meses.