O Goberno declara "estratéxica" a planta de hidróxeno verde de Caldas e concédelle 5 millóns
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Ata 5,2 millóns de euros recibirá a futura planta de produción de hidróxeno verde que as compañías Iberdrola e Foresa impulsarán de maneira conxunta en Caldas de Reis.
Este proxecto, coñecido como Green Umia, é unha das iniciativas que o Goberno incluíu na primeira convocatoria do PERTE de enerxías renovables, hidróxeno renovable e almacenamento, que financiará a través do Plan de Recuperación.
Será unha das tres plantas de hidróxeno verde que se instalarán en Galicia no marco deste plan, xunto coas das Pontes e Vigo.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou que estas tres industrias serán "estratéxicas e vitais" para crear emprego de calidade, garantir a transición enerxética e afianzar o futuro da industria galega.
Con esta nova planta, que dará emprego directo a unhas 55 persoas, Iberdrola busca reducir as importacións de metanol, substituíndoas por unha "produción local sostible", que tamén será empregada pola propia empresa para a fabricación de diversas colas, resinas e adhesivos.
Green Umia integrará na mesma localización a produción e uso industrial de hidróxeno verde, que xunto ao dióxido de carbono capturado dos gases de escape da caldeira de biomasa, utilizarase como materia prima para o proceso de síntese do metanol.
As previsións sitúanse na produción dunhas 2.900 toneladas anuais de metanol renovable, a partir de julio de 2025. Isto, segundo a compañía, supoñerá unha redución de 58.000 toneladas de CO2 durante o seu primeiros dez anos de funcionamento.
A planta de tratamento permitirá ademais aproveitar os fluxos de augas residuais, reducindo a cantidade de auga bruta empregada no proceso industrial.