Domínguez afirma que aínda non está asinado o contrato do alumeado de Nadal e que Lores "trata de ocultar unha chapuza"
Por Anxo Lourido
Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular, reclamou este mércores ao alcalde de Pontevedra o adianto da inauguración das luces de Nadal para favorecer o comercio e á hostalería da cidade nun momento de crise para estes sectores.
O representante popular argumenta que o atraso ao 16 de decembro do acendido se debe a un erro, que agora o BNG tenta xustificar alegando causas ambientais e de aforro enerxético. Explicou que a memoria xustificativa para o contrato das luces de Nadal elaborouse en setembro e neste documento consta que o obxectivo do contrato é promover a imaxe da cidade para xerar máis afluencia de visitantes e actividade comercial. Exponse tamén que os gastos da facturación eléctrica son por conta da empresa adxudicataria, que deberá pagar os gastos do consumo e tamén que o prazo de instalación debería estar finalizado antes do 6 de decembro de 2022.
Este documento converteuse nun prego de condiciciones o 8 de novembro para a licitación, período que, desde o Partido Popular, se considera demasiado tardío para este procedemento. Ademais, incidiu Domínguez, "a día de hoxe o contrato das luces de Nadal nin sequera está asinado".
Domínguez: "Fraco favor fáiselle á loita ambiental e á crise enerxética se se utilizan como desculpa ante un erro e non de forma seria e contundente"
"Non é pola crise ambiental do planeta nin polos prezos desorbitados da enerxía", alegou o presidente popular, afirmando que "é un pouco de tomadura de pelo" utilizar esta desculpa cando será a empresa adxudicataria quen asuma a factura eléctrica. Advirte que o BNG durante os últimos meses non fixo referencia a facer un contrato das luces para estas festas máis curto para protexer o medio ambiente nin se fai referencia nos pregos contractuais nin se trasladou ás asociacións de colectivos afectados.
"Fraco favor fáiselle á loita ambiental e á crise enerxética se se utilizan como desculpa ante un erro e non de forma seria e contundente", explicou durante a súa intervención. Engade tamén que o Partido Socialista, socio de goberno tanto no Concello de Pontevedra como na Deputación, "si vai poñer as luces que lle competen en tempo e hora".
Domínguez insistiu en que este problema débese a un erro e "están tratando de ocultar unha chapuza". "Isto é un fracaso sen precedentes do señor Lores, froito do cansazo e do esgotamento e de non estar enriba dos problemas", comentaba o portavoz municipal do PP.
Lembrou que a decisión de acender as luces o 16 de decembro vai en contra da maioría dos pontevedreses e demandou sensibilidade por parte do alcalde cos sectores máis afectados por esta medida. Mostrouse disposto a que o seu grupo apoie a fórmula que sexa necesaria con contratos de urxencia para que se adiante o aceso das luces de Nadal.
Relacionadas:
-
Queixas do PP ante a escaseza de iluminación de Nadal en barrios e parroquias
Por Redacción |
-
O Mercado de Abastos inaugura a súa iluminación cun "coidado absoluto polo medio ambiente"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PP reclama axudas municipais para que os comerciantes iluminen unha Pontevedra "triste y apagada"
Por Alejandro Espiño |
-
Lores defende que o atraso no aceso da iluminación do Nadal "non é por aforro exactamente. É simbólico, é un xesto"
Por Diego Espiño |
-
O mercado adianta o seu Nadal e iluminarase 11 días antes que o resto da cidade
Por Natalia Puga |
-
Animan á cidadanía a suplir a falta de luces de Nadal iluminando fachadas, escaparates e balcóns
Por Natalia Puga |
-
Comerciantes e hostaleiros rebélanse contra a decisión "arbitraria e insolidaria" de atrasar as luces de Nadal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra defende o tardío encendido do Nadal por "responsabilidade" ante a crise enerxética
Por Alejandro Espiño |
-
Domínguez pide o adianto da iluminación de Nadal para favorecer o comercio local e hostalería
Por Redacción |
-
Pontevedra non encenderá as luces de Nadal ata o 16 de decembro
Por Alejandro Espiño |