O pleno de Bueu acorda resolver o contrato da obra da biblioteca

Por Redacción
O Concello de Bueu desbloquea a ampliación da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, tras aprobar este xoves o Pleno Municipal nunha sesión extraordinaria a resolución do contrato administrativo da obra.
A proposta contou cos votos a favor dos grupos de goberno, BNG e ACB, mentres que o PP abstívose e os edís socialistas non asistiron á sesión.
Na súa intervención o alcalde, Félix Juncal, explicou que "debemos resolver ou contrato de mutuo acordo canto antes e proceder a licitalo de novo, xa que a empresa presentou un escrito no que alega varias cuestións polas que non pode facer fronte a el".
Entre as razóns esgrimidas pola empresa estaban "a suba considerable dos prezos dos materiais de construción, o que nos leva a que teñamos que revisar o proxecto e sacar o expediente de contratación novamente", sinalou o rexedor.
Pola súa banda Elena Estévez, portavoz do grupo popular, apuntou que "sempre mostramos o noso apoio a este proxecto, pero tamén pensamos que a administración local tamén ten parte de culpa dado o atraso na entrega do estudo xeotécnico", mentres que Julio Villanueva, portavoz de ACB, xustificou o seu voto favorable ao ser "importante que esta obra se faga o antes posible dado o interese do proxecto para a xuventude e as persoas maiores".
O proxecto de ampliación da biblioteca foi adxudicado no seu momento a Obras Gallaecia SL, cun orzamento de 915.565 euros co que se pretendía ampliar o edificio actual engadindo unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, que ademais permitirá trasladar o Arquivo Municipal.