
© Deputación de Pontevedra
Deputación e Concello de Bueu asinan o convenio para a reforma integral da biblioteca municipal

Por Redacción

© Concello de Bueu

© Deputación de Pontevedra
Este martes o alcalde de Bueu, Féliz Juncal, asistía na Deputación de Pontevedra á sinatura do convenio coa presidenta provincial Carmela Silva para a reforma e ampliación da biblioteca municipal Torrente Ballester con cargo ao Plan ReacPon. A actuación ten un ambicioso orzamento de case 917.000 euros, dos que a Deputación achegará preto de 687.500 euros e o concello do Morrazo sufragará os 229.000 restantes.
A presidenta Carmela Silva amosouse especialmente satisfeita de que o proxecto elixido por Bueu fose a rehabilitación dunha biblioteca xa que é nelas "onde reside o coñecemento" e asegurou que "facer que a cultura sexa a prioridade marca a diferencia". Deste xeito, puxo o acento no feito de que a biblioteca se vaia a converter nun "lugar de encontro que garanta o dereito ao coñecemento no que toda a veciñanza de todas as idades poida ter un espazo para achegarse á cultura".
Félix Juncal, o rexedor de Bueu, asegurou que "este é un deses proxectos cos que soñábamos e víamos que nunca estaban ao noso alcance". Neste senso, o alcalde asegurou que "estamos case no albor de poder arrancar co expediente de contratación" que solucionará, entre outras cousas, problemas técnicos e de accesibilidade con medidas como "sistemas de aforro enerxético moi innovadores".
O vicepresidente César Mosquera deu os parabéns ao alcalde de Bueu por realizar unha actuación de calidade para a nova biblioteca. "O tempo da chapuza demostrou que o barato é problemático e máis caro", manifestou, lembrando que a propia instalación debe refacerse enteira a pesares de ser unha obra de fai uns 30 anos.
UNHA BIBLIOTECA TRANSFORMADA
A biblioteca municipal Torrente Ballester fará unha aposta pola sostibilidade, a dixitalización, o acceso á información e a accesibilidade. Deste xeito, adaptarase o edificio ás novas necesidades funcionais e medioambientais deste tipo de equipamentos.
Esta adaptación levarase a cabo co reforzo estrutural dende a cimentación co que se garante a seguridade poñendo fin, entre outras cuestións, ás fendas que actualmente se presentan nalgúns tabiques. Ademais, realizarase unha mellora da eficiencia enerxética, cun novo illamento en toda a envolvente ou o aproveitamento da enerxía solar fotovoltáica.
A biblioteca tamén verá mellorada a accesibilidade coa instalación dun ascensor e a creación de ramplas en todos os accesos do edificio, e contará con novos espazos nos que se realizarán charlas ou obradoiros.
Relacionadas:
-
O Pleno bueués aproba o novo proxecto da obra de ampliación da biblioteca
Por Redacción |
-
O pleno de Bueu acorda resolver o contrato da obra da biblioteca
Por Redacción |
-
Rastro de libros de balde no Ramal dos Galos
Por Redacción |
-
Adxudicada á empresa Obras Gallaecia a reforma da biblioteca municipal de Bueu
Por Redacción |
-
Bueu reformará e ampliará a biblioteca Torrente Ballester
Por Redacción |
-
Promoven unha consulta nas redes sociais para renovar a Biblioteca Torrente Ballester
Por Redacción |