O Concello estuda medidas para que os peóns poidan cruzar na ponte de Compostela
Por Redacción
Durante a comisión de Infraestructuras decidiuse trasladar ao pleno a aceptación do tramo do Nacional 550 entre a ponte de Compostela e a rotonda de Pasarón que ata agora é competencia do ministerio de Fomento.
O concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, indicou que se presentarán solucións, cando sexa de titularidade municipal, para a zona da ponte que se cruza co Paseo de Rafael Areses xa que recoñeceu que "é unha atrocidade para os peóns e tamén para os ciclistas" de forma que, en numerosas ocasións, percorren ese espazo saltando a mediana. "Fomento non quere varialo e entón vai pasar á titularidade municipal para atopar unha solución", afirmou Mosquera que sinalou que se suprimirá a mediana e van manterse os catro carrís argallando unha fórmula para facilitar o paso dos peóns.
César Mosquera tamén sinalou que no futuro estudan eliminar a pasarela na entrada da Avenida de Compostela e que enlaza o campus co acceso á bancada de preferencia do Estadio de Pasarón. Dende o goberno local consideran que a mellor solución será sustiuilo por un badén. "Non ten sentido gastar miles de euros ao ano para que estea ben asentada e que non a use ninguén. Pero non é unha actuación urxente", sinalou Mosquera.
Fomento, non obstante, non aceptou a cesión da fronte do campus a pesar do interese municipal e da Universidade de Vigo para poder conectalo á cidade.