A Policía reúne probas abondo para vincular a dous detidos con cinco atracos en dez días
Por Redacción
A Policía Nacional conseguiu reunir probas abondo para incriminar os dous veciños de Pontevedra detidos pola Policía Local como presuntos autores de cinco delitos de roubo con intimidación cometidos en farmacias, supermercados e bares nun prazo de dez días
Os dous homes, de 37 e 38 anos e ambos os dous con antecedentes policiais, foron detidos pola Policía Local por separado. O primeiro, o xoves 5 de decembro e o segundo o 6 de decembro. Nun primeiro momento ambos os dous quedaron en liberdade con cargos, pero unha vez que avanzaron as investigacións e se puido concretar a súa vinculación cos cinco atracos, volveron ser detidos, o luns e o martes pasados.
Tras estas detencións, realizáronse rexistros no seu domicilio e os axentes localizaron alí as armas utilizadas por aqueles para a comisión dos ilícitos. Este mércores pola tarde foron postos de novo a disposición xudicial e o xuíz decretou o seu ingreso en prisión.
O modus operandi empregado polos dous individuos consistía en acceder aos establecementos, portando armas brancas (coitelos ou navallas), con pezas que ocultaban as súas caras e, actuando conxuntamente na maioría dos casos, ameazaban os empregados e/ou clientes que se achaban neste, esixindo a entrega do diñeiro, e procedendo a continuación a fuxir do lugar.
Nun primeiro momento chegou a vinculárselles con roubos en supermercados, estancos, bares e farmacias por toda a cidade. Finalmente, a Policía Nacional acreditou a súa relación con cinco atracos. O primeiro dos roubos produciuse o 23 de novembro, sobre as 19.36 horas, nun supermercado da avenida de Vigo e non volveron actuar ata o 2 de decembro. Ese día, sobre as 19.00 horas, asaltaron unha farmacia da rúa José Malvar.
Ao día seguinte, o 3 de decembro, atribúeselles un atraco nun supermercado de San Antoniño e, horas máis tarde, xa ás 1.30 horas da madrugada, un roubo nunha bocatería da rúa Marquesa. Ás 3.15 horas desa mesma madrugada atribúeselle un asalto nun establecemento de hostalaría da rúa Princesa. Nos cinco reuniron un botín global de 1.330 euros.
Ambos os dous individuos tamén están acusados de intentar asaltar o supermercado Hipercor e o bar Los Amigos o 5 de decembro, o día en que foi arrestado o primeiro deles. Investigouse se o 29 de novembro asaltaran unha farmacia na praza da Verdura e un estaco na avenida de Santa María, pero non se confirmou a súa vinculación.