A Policía Local de Pontevedra detén ao suposto cómplice dos atracos en farmacias
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Pontevedra detivo este venres pola noite ao suposto cómplice dos atracos en farmacias. A detención produciuse despois de que as empregadas dunha panadaría da rúa Padre Fernando Olmedo desen a voz de alarma tras ser vítimas dun novo asalto.
Segundo informan dende a Policía Local, o suceso tivo lugar ás 21:25 horas do venres. Un individuo coa cara tapada cunha braga de motorista de cor azul entrou na panadaría e a punta de navalla esixiu ás dúas empregadas que atendían o mostrador que lle entregasen todo o diñeiro. Este home chegou a poñer a navalla ao colo dunha das mulleres. Foi neste momento cando unha compañeira saíu do obradoiro da panadaría encontrándose coa terrorífica escena. Presa do pánico empezou a berrar o que asustou ao asaltante que fuxiu do establecemento.
As empregadas saíron inmediatamente á rúa dando a voz de alarma ao tempo que avisaban a Policía. Iniciouse entón unha batida polo centro da cidade que conseguiu localizar á altura do número 73 da rúa San Antoniño, a unha persoa que coincidía coa descrición achegada por estas mulleres, agás na cazadora que vestía que fora identificada como de cor marrón claro con raias vermellas.
Os axentes deron o alto a este individuo e nun cacheo de seguridade encontraron unha navalla e a braga de colo. Ao quitarse a cazadora comproban que este home lle dera a volta e que efectivamente era igual que a que vestía o atracador.
O home foi detido e trasladado a Comisaría onde se lle identificou como ÿscar G.B., de 37 anos de idade.
Na mañá do sábado foi posto a disposición xudicial quedando libre con cargos, impútaselle unha tentativa de roubo. Agora a Policía trata de solicitar probas que o relacionen cos recentes roubos acontecidos no centro de Pontevedra xa que consideran que pode ser o segundo dos ladróns que consumou cinco atracos noutros tantos días xunto a outro individuo.
Relacionadas:
-
A Policía reúne probas abondo para vincular a dous detidos con cinco atracos en dez días
Por Redacción |
-
A Policía Local de Pontevedra detén ao suposto cómplice dos atracos en farmacias
Por Oskar Viéitez |
-
Segundo atraco a punta de coitelo en 24 horas na cidade
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Dous encapuchados atracan unha farmacia cun coitelo e levan toda a recadación e 50 euros dun cliente
Por Natalia Puga |