Poemas, fotografías e debuxos para concienciar sobre o abuso sexual na infancia na sede da UNED
Por Redacción
Ana Corzo Sánchez, Guadalupe Eichelbaum Sánchez, Ana Paula Ferreira Simoës, Paloma Rodríguez Fernández e Mireia Sánchez Hernández serán o vindeiro sábado 19 de novembro as protagonistas das actividades organizadas pola UNED de Pontevedra para conmemorar o Día Mundial para a Prevención do Abuso na Infancia.
Os actos centrais da conmemoración serán un recital de poesía e unha exposición de fotografías e debuxos realizados por sobreviventes de abusos sexuais na infancia.
A iniciativa, impulsada polo coordinador de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, Rafael Cotelo, está dirixida a estudantes e profesionais do ámbito sanitario e aberta ao público en xeral.
Os seus obxectivos fundamentais son mostrar a expresión de procesos derivados do estrés postraumático complexo como a disociación, a depresión e as ideas autolíticas a través do recitado e a exposición e explicar como a práctica dunha disciplina artística axuda na terapia de vítimas de trauma a nivel psicolóxico, así como as súas melloras a nivel neurolóxico.
A actividade desenvolverase entre as 10 e as 14 horas na aula 108 da UNED na súa sede de Monte Porreiro.
Ana Corzo Sánchez será a presentadora. É doutora en Belas Artes e artista multidisciplinar con ampla experiencia no mundo do teatro. Participou en numerosas exposicións pictóricas, ten varios poemarios publicados e é coordinadora e mestra de cerimonias en recitais.
A escritora Guadalupe Eichelbaum Sánchez é licenciada en Ciencias Biolóxicas ten varias novelas publicadas, a última El milagro de los Bryant en 2022.
A escritora e debuxante Ana Paula Ferreira Simoēs é estudante en prácticas do Grao de Psicoloxía no Centro Asociado á UNED de Pontevedra.
A fotógrafa Paloma Rodríguez Fernández participou en varias exposicións de fotografía.
A escritora Mireia Sánchez Hernández é coordinadora técnica en entidade social. É autora do libro de poemas Y sigo viva…a pesar de ti
Relacionadas:
-
A UNED e o sindicato SUP colaborarán en actividades científicas e culturais
Por Redacción |
-
A UNED inaugura un novo curso apelando á necesidade de visibilizar á muller
Por Redacción |
-
"Son maior. Son coma ti. E cada día somos máis"
Por Oskar Viéitez |
-
Mais Cantos e Nelson Quinteiro animan as Xornadas Interactivas das Persoas Maiores de Pontevedra
Por Redacción |