Patrimonio informa desfavorablemente o proxecto de reforma da Praza de San Martiño
Por Oskar Viéitez
Un informe desfavorable da Dirección Xeral de Patrimonio, organismo dependente da Xunta de Galicia, imposibilita levar a cabo, tal e como estaba previsto, o proxecto de mellora da Praza de San Martiño, na parroquia de San Xoán.
Ante esta situación, o concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, asegurou que o Concello de Poio buscará alternativas para levar a cabo unha actuación que sirva "para poñer en valor e mellorar os servizos, ao mesmo tempo que se manteñen os usos dun lugar que é un punto de encontro de referencia para a veciñanza de San Martiño".
No proxecto deseñado por Urbanismo contemplábase, ademais da dotación e ampliación de servizos básicos, a renovación do firme. Segundo explica o edil socialista, é este último punto o que non permite Patrimonio, pola proximidade da capela.
No proxecto orixinal consta que a actuación afectará a unha superficie que supera os 1.000 metros cadrados, prevendo a supresión de barreiras arquitectónicas e de accesibilidade que existen na actualidade na contorna da praza.
"O documento de Patrimonio fala de ampliar zonas verdes e axardinadas, pero iso suporía que se perdese o uso que se lle dá á praza, onde celebran eventos e actividades de xeito habitual", advirte Agís, de aí que se estean a estudar outras fórmulas para executar os traballos con todos os permisos pero sen ese condicionante.
Ante a imposibilidade de poder executar a obra a curto prazo, Agís valora a posibilidade de solicitar fondos na vindeira convocatoria do Plan Concellos, mentres que os previstos para a actuación 220.000 euros que tamén foron concedidos a través da Deputación, poderanse destinar a outras actuacións.