Poio destina 200.000 á humanización da praza de San Martiño
Por Redacción
O Concello de Poio prevé investir máis de 220.000 euros nun proxecto que servirá para acondicionar e mellorar a Praza de San Martiño, nas inmediacións da capela, pertencente á parroquia de San Xoán.
Trátase dunha actuación que se impulsa desde a Concellería de Urbanismo e Promoción Económica. O seu responsable, o socialista Gregorio Agís, explica que as obras financiaranse a través da liña 1 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2022.
Dous aspectos nos que fai especial fincapé o proxecto teñen que ver coa renovación do pavimento e da mellora e ampliación de servizos básicos. A actuación afectará a unha superficie que supera os 1.000 metros cadrados. O edil de Urbanismo sinala que as obras “suporán tamén a supresión de barreiras arquitectónicas e de accesibilidade que existen na actualidade na contorna da praza”.
Desta maneira, apostarase pola dotación dunha plataforma única de circulación, na que se lle dará prioridade aos peóns fronte aos vehículos no tramo da Rúa Capela. A actuación levarase a cabo nunha zona que actualmente dispón dun firme pavimentado con mestura bituminosa en quente. Procederase á súa demolición, así como a adaptación da rasante á nova superficie, que será “moito máis acorde ás características da zona”, garante Agís Gómez.
Deste xeito, está previsto que se dote á praza dunha superficie de adoquín de granito moreno. A maiores, no entronque da praza do Camiño San Martiño instalarase pavimento de formigón raiado semipulido, tal e como contempla a documentación elaborado polos técnicos.
Con respecto aos servizos, o proxecto tamén contempla a mellora do sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais, para o cal se instalarán tramos de tubaxe co obxectivo de completar a rede que xa existe na contorna da praza, realizando a pertinente conexión. A actuación completarase coa dotación de novo alumeado, máis sostible e eficiente, e a dotación de céspede sintético para o parque infantil situado neste emprazamento.
Gregorio Agís destaca a importancia desta actuación, que serve para “dar continuidade e consolidar a filosofía que desde hai anos mantemos no que á rehabilitación e posta en valor dos núcleos tradicionais se refire”. O concelleiro do PSdeG-PSOE incide, ademais, na necesidade de actuar nunha zona que “é un punto de encontro habitual para a veciñanza de San Martiño”.
Relacionadas:
-
Patrimonio informa desfavorablemente o proxecto de reforma da Praza de San Martiño
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma urbana de Liñares dá continuidade ás humanizacións en Poio
Por Redacción |
-
O parque infantil do Casal de Ferreirós será renovado e terá unha cuberta
Por Redacción |
-
A Praza de san Martiño acollerá un magosto o vindeiro 13 de novembro
Por Redacción |