Novo paso para a residencia da terceira idade de Monte Beiros coa autorización de Carreteras del Estado
Por Redacción
A Demarcación de Carreteras del Estado acaba de emitir unha autorización que supón un paso adiante decidido para facer realidade a residencia da terceira idade no monte Beiros que proxecta o Concello de Cuntis.
O Concello confirmou este luns que este organismo dependente do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana deulle autorización cunha serie de condicións. Entre elas, destaca a esixencia de que a edificación ten que situarse a 25 metros da estrada e que a superficie destinada a aparcamento debe quedar fóra da zona de dominio público.
Esta autorización establece tamén un prazo de dous anos para a execución da obra.
Este é o primeiro dos informes favorables que recibe o Concello necesarios para completar o expediente, que está a espera da confirmación da subvención solicitada para levantar esta infraestrutura a través do Plan de Investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais asinado entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), con fondos europeos.
O Concello acude a esta convocatoria de axudas coa intención de obter a máxima financiación posible para este fin, que é de 1.200.000 euros.
O alcalde, Manuel Campos, insiste en que Cuntis necesita unha residencia propia "para evitar que a poboación maior bote man de prazas residenciais lonxe da casa", por iso están intentando axilizar o expediente e tramitar os permisos necesarios para comezar cos traballos cando teñan conformación do financiamento.
Campos destaca que a localizacion é "perfecta" e o proxecto cumpre coa normativa urbanística, que "é un dos requisitos esenciais para a súa presentación”.
A futura residencia terá unha superficie de 846 metros cadrados e capacidade para 46 usuarios. Na planta baixa terá unha unidade de convivencia, a área de administración e unidades especializadas, ademáis dun patio exterior; e na alta, outra unidade de convivencia e unha gran terraza. No exterior, un circuito de esparcimento.
A parte da parcela destinada a residencia ten unha superficie de 2.751 metros cadrados si ben o proxecto abrangue unha área máis extensa, de 3.464,55 metros cadrados, que se urbanizarán para ordenar o entorno inmediato á futura residencia.
O goberno local confía en obter o financiamento necesario para construir a residencia xa que, segundo indica Manuel Campos, completaría a atención asistencial para os maiores dentro do termo municipal. Insiste en que o centro de día é insuficiente para atender as necesidades da veciñanza.
Relacionadas:
-
O centro de día de Cuntis terá dez prazas máis para o ano que vén
Por Redacción |
-
O alcalde de Cuntis participa en Madrid da Asemblea da Rede Española de Cidades Saudables
Por Redacción |
-
O alcalde de Cuntis presenta a Agadea o proxecto do futuro complexo residencial para maiores previsto no Monte Beiros
Por Redacción |