Cume veciñal en Dorna con Jorge Cubela para a ampliación dun camiño
Por Redacción
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo unha xuntanza con veciños e veciñas do lugar de Dorna, en Santa María de Sacos, para explorar as posibilidades de ampliar e mellorar un camiño que comunica un grupo de vivendas coa capela de San Xoán e que tería unha lonxitude aproximada duns 90 metros lineais.
Para realizar esta obra os veciños terían que ceder terreos para que o vial tivera unha plataforma de rodaxe de 4,5 metros. Ademais, aproveitaríase esta interveción para levantar muros de mampostería para pechar os terreos que tiveran que ser utilizados para realizar estes traballos de ampliación e mellora do vial.
Segundo lle explicou o alcalde, Jorge Cubela, aos veciños do lugar de Dorna aproveitaríase esta actuación para dotar ao vial dun sistema de drenaxe e canalización das augas pluviais con rexistros e arquetas que permitirían deixar en perfectas condicións este camiño de acceso a un importante número de vivendas que agora ven moi reducida a capacidade de manobra dun coche pequeno e que lle resultaría imposible a chegada dun vehículo de emerxencia como ambulancia ou de extención de incendios.
Jorge Cubela valorou moi positivamente a xuntanza e emprazou á veciñanza a unha posterior xuntanza para que poideran madurar o proxecto e mesmo sondear o nivel de colaboración entre os veciños afectados que deberían ceder os terreos necesarios para poder acometer esta obra.
“Penso que ademais de ser unha obra moi necesaria, xa que se mellora o acceso rodado a un grupo importante de casas onde residen persoas de avanzada idade e con mobilidade reducida, en caso de que fora necesario que chegara un vehículo de emerxencia teríao máis doado si se realiza esta mellora do camiño. Aqueles propietarios que cedan terreos, terán como compensación por parte do Concello que se lles levantarían muros de mampostería feito por canteiros especializados neste tipo de traballos o que darían boa conta da garantía de que quedarían moi ben”, indicou o alcalde, Jorge Cubela.