A APDR celebra este sábado o 20 aniversario da condena a Ence por delito ecolóxico
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR), que preside Antón Masa, celebrará este sábado 12 ás 12.00 horas no Centro Social Gorgullón, situado na Rúa Curtidoira, a conmemoración dos vinte anos da condena a Ence e Elnosa por delito ecolóxico.
O acto consistirá nun debate sobre a importancia daquela resolución xudicial e a repercusión que tivo sobre a actividade posterior da APDR. A esta cita acudirá o avogado e ex concelleiro en Pontevedra, Vicente Legísima, a quen a asociación considera o verdadeiro artífice da primeira condena por delito ecolóxico a unha fábrica de pasta de papel no Estado español.
O debate será libre e aberto ao público e durante o seu desenvolvemento analizarase a condena que confirmaba a existencia dun delito ecolóxico, ademais de dous delitos continuados de danos e catro faltas contra as persoas que se recollía na resolución xudicial.
Ao finalizar o debate, as persoas asistentes terán a oportunidade de degustar uns petiscos.