Conclúe a segunda fase de mellora na pista polideportiva de Nantes
Por Redacción
A pista polideportiva de Nantes estrea melloras tras finalizar a segunda fase de actuación co peche exterior e os vestiarios.
A actuación, demandada pola comunidade ecucativa, roldou os 300.000 euros, sendo sufragada por fondos municipais.
Tras a súa mellora a pista será utilizada en horario escolar polo centro educativo e fóra dese horario polo Club Balonmán Sanxenxo, A. X. Saraiba do Mar e C.B. Baltar, así como para actividades extraescolares da ANPA.
"Estamos nunha das zonas do municipio de maior equipamento deportivo que non só vaise a ver mellorado por esta pista senón tamén pola obra de humanización do vial de acceso e pola que transitan moitos nenos e maiores", asegurou o alcalde, Telmo Martín, nunha visita ás instalacións acompañado doutros edís do goberno local, a dirección do centro educativo, a ANPA e representantes da comunidade de montes.
O cerramento exterior da edificación realizouse a base de paneis prefabricados de formigón, cunha carpintería exterior de aluminio con 15 xanelas xunto a un total de 14 portas para os baños, as entradas e o almacén. No interior construíuse un módulo para os aseos.
Esta actuación únese a unha primeira fase, executada en 2019, que consistiu na construción da pista e a cuberta cun investimento de 253.131 euros financiados con cargo ao Plan Concellos da Deputación.