Sae a licitación por 250.000 euros o peche e instalación de baños da pista polideportiva de Nantes
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo sacou este mércores a licitación o proxecto do peche e instalación de baños na pista polideportiva do colexio de Nantes por 249.950 euros.
A obra consistirá en dotar de aseos, así como un almacén para equipamento deportivo, cerramento e carpintería exterior á pista polideportiva cuberta realizada na primeira fase, instalación eléctrica, de iluminación e protección contra incendios, alcanzando o global da construción executada un nivel de acabado e servizos totalmente óptimo e apto para a práctica deportiva.
O cerramento exterior da edificación executarase a base de paneis prefabricados de formigón macizos, acabado en cor gris lisa de molde para pintar pola cara exterior e gris con regrado manual. En canto á carpintería exterior realizarase con aluminio anodizado en cor e contempla 15 xanelas (5 de corredera) e un total de 14 portas para baños, entradas e almacén.
O proxecto recolle un módulo de aseos a base de muretes de bloques de formigón, en cor gris para revestir e laxa prefabricada alveolar. As placas alveolares serán de formigón pretensado, de 120 centímetros de anchura e 16 centímetros de canto. A edificación dotarase da instalación eléctrica e de iluminación a base de proxectores LED de última xeración.
No exterior da edificación, contémplase a urbanización cun firme perimetral de saburra artificial compactada e dunha beirarrúa de formigón armado con acabado raiado, pola fachada de acceso ao pavillón. Así mesmo instalarase unha rede de recollida de augas pluviais e unha canalización para augas residuais.
No apartado de melloras do prego de condicións, inclúese a subministración e instalación do pavimento deportivo de alta resistencia, con cor a elixir, nunha superficie de 1.152 metros cadrados, así como a marcaxe e pintado de campos regulamentarios de fútbol sala e de baloncesto. En total, as melloras están valoradas en 55.572 euros.