Adxudicada por 826.000 euros a primeira fase da reforma da estrada vella de Marín
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/48a/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/62d54df659-20220718-patxot-lores-ethel-vazquez-carretera-vieja-marin-2446.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/798/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/594a63469a-rosali-a-de-castro-pantalla-04.jpg)
© Concello de Pontevedra
A Xunta vén de adxudicar por máis de 826.000 euros a primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546, entre Pontevedra e Marín, na zona de Estribela.
A actuación, que foi adxudicada á empresa Oresa Construcción y Servicios Globales S.L., ten un prazo de execución de 12 meses.
O obxectivo das actuacións é garantir desprazamentos sen riscos na zona e que os peóns gañen máis protagonismo fronte ao vehículo, mellorando a súa seguridade.
Para iso, a Xunta acometerá unha transformación integral da estrada nesta contorna, coa reurbanización dun treito de 500 metros, no que se modificará a sección transversal para poder ampliar as beirarrúas e dotalas dun ancho mínimo de dous metros, de forma que se favorezan os desprazamentos a pé e se asegure a accesibilidade.
Ademais, para conseguir o calmado de tráfico e reforzar a seguridade viaria, instalaranse tres pasos de peóns sobreelevados que contarán con iluminación específica e cun sistema intelixente que detecte ao peón nas inmediacións e active a sinalización.
Tamén se mellorarán as paradas de autobús, coa disposición de novos refuxios e renovarase a iluminación da vía, ademais do fresado e estendido dunha nova capa de firme, a reposición da drenaxe e dos servizos afectados e a sinalización horizontal e vertical.
Esta intervención contará con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia do programa Next Generation UE de mobilidade sostible.
A actuación forma parte dun proxecto máis amplo, unha intervención no conxunto da vía coa que a Xunta busca promover unha mobilidade máis saudable, sostible e segura, tanto a pé como en bicicleta.
En total, a Xunta investirá 7 millóns de euros para a transformación da PO-546, que continuará entre Mollabao e Os Praceres e seguirá cun novo treito entre Estribela e o límite con Marín, ademais da zona pendente de mellora da rúa Concepción Arenal, tamén en Marín.