O acondicionamento da antiga vía do tren sobre o Lérez é "inminente"

Por Alejandro Espiño
Un dos proxectos incluídos na estratexia Pontevedra Flúe, que busca renaturalizar os espazos urbanos da cidade, comezará a executarse de maneira "inminente", segundo o goberno municipal. En concreto, salvo cambio de última hora, este mesmo xoves.
É o día previsto para o inicio das obras de rehabilitación e acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril sobre o río Lérez, no ámbito da praia fluvial.
Converterase nun camiño de tránsito peonil e ciclista que, nun futuro, estará integrada na vía verde proxectada entre Vilagarcía de Arousa e Pontevedra.
Nesta actuación, o Concello inviste algo máis de 185.000 euros, financiados ao 80% polos fondos europeos FEDER. O diñeiro restante sae directamente das arcas municipais.
A empresa Elsamex comezará este xoves para rozar todo o ámbito de actuación para iniciar a obra, que consistirá nun tratamento de formigón sobre a ponte, reemprazando a pedra que ten actualmente; e na substitución da varanda ou a iluminación.
Ademais, está previsto crear unha senda que una a ponte directamente coa praia fluvial, que levará un pavimento máis brando, muros de cachotería e pedra para salvar o desnivel e unha escaleira de madeira desde os actuais baños da praia.
A actuación incluirá o tapiado provisional da boca do túnel pola que pasaba o tren e a preparación de toda esta estrutura para que, en próximas fases, se poida cruzar ata a senda do roteiro de sendeirismo da outra marxe do río e cara ao mosteiro de Lérez.