Os colexios Sagrado Corazón e Froebel inician as charlas e roteiros de educación viaria
Por Redacción
A Policía Local retomará este luns, 7 de novembro, unha nova campaña de charlas e roteiros de educación viaria nos centros escolares de Pontevedra.
Como cada ano, coa campaña explicarán as normas básicas de circulación, os comportamentos habituais de peóns e condutores dentro da cidade, e comentarán a ordenanza municipal.
Os primeiros centros que participarán nestas charlas serán o Sagrado Corazón, ás 9:30, e o Froebel, ás 12:30 deste luns. Os seguirán, o martes, o colexio de Barcelos ás 12:15 e o mércores o Parada de Campañó as 9:30 e o Sagrado Corazón de Praceres ás 11:30 horas.
As charlas seguirán as liñas marcadas en outras ocasións, cunha charla explicativa a modo de exposición, e unha práctica, na que como peóns ou condutores de bicicletas ou patinetes, o alumnado realizará un roteiro guiado.
No caso do roteiro, este poderá mudar dependendo da situación do centro escolar. En caso de que a contorna sexa segura e con medidas de calmado de tráfico, a Policía Local optará por propoñer un percorrido que salga e volva ao colexio; se non é así, a opción escollida será a de saír desde as dependencias da Policía Local e facer un roteiro pola cidade.
Estas charlas, xa comunicadas pola Policía a todos os centros, poden ser solicitadas por todos os colexios do municipio contactando co corpo de seguridade a través do correo evial@pontevedra.eu.