Declaran de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde
Por Redacción
A Consellería do Medio Rural acaba de declarar de utilidade pública e de interese social seis polígonos agroforestais en Galicia, entre eles o de Vilalén-Tomonde (Cerdedo-Cotobade).
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres o decreto, polo que se establece que este polígono agroforestal constará de 67,88 hectáreas, unhas 1.534 parcelas e 278 propietarios.
O polígono avogará polos cultivos leñosos e sistemas agroforestais.
O pasado 8 de xullo saíra publicado no DOG o acordo polo que se iniciaba o procedemento de aprobación para o desenvolvemento deste polígono agroforestal, que motivou a elaboración do estudo de viabilidade. Unha vez feito e aprobado este estudo, foi declarada a utilidade pública e interese social por parte do Consello da Xunta e, unha vez publicada esta declaración, iniciarase a redacción do proxecto básico do polígono.
Seguidamente, iniciarase a investigación da titularidade das fincas e os traballos de reestruturación da propiedade, de seren necesarios.
Neste caso, ao tratarse dun polígono de iniciativa pública, o procedemento será sometido a un proceso de concorrencia competitiva. Ademais, cómpre ter en conta que a declaración de utilidade pública e interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia dos procedementos.
Desta forma, poderase avanzar no obxectivo prioritario de poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal.
Relacionadas:
-
A Xunta avanza nos traballos para iniciar o polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde
Por Redacción |
-
O polígono de Tomonde e a aldea modelo de Parada, exemplos de recuperación de terras agrarias
Por Redacción |
-
A aldea modelo de Mouteira-Parada e o polígono agroforestal recuperarán preto de 90 hectáreas de terras agrarias
Por Redacción |
-
O polígono para o cultivo de mazá de sidra de Tomonde ocupará unhas 68 hectáreas
Por Redacción |