O músico que puxo voz ao seu acoso escolar: "Cando comezas a falar sobre iso, doe menos"
Por Alejandro Espiño
"A xente ten que saber que isto pasa. Ninguén o sabía de min e sufrino durante moitos anos", asegura Javier Lago, un mozo pontevedrés que foi vítima de acoso escolar durante a súa infancia. Un sobrevivente, segundo o mesmo recoñece, que logrou poder falar daqueles anos "desde a distancia" e desde un lugar "bastante máis san".
A iso axudoulle a súa faceta como músico e compositor. É o autor de Nada tiene sentido, unha canción coa que se asomou a eses "recunchos escuros" da súa etapa escolar e que, ata ese momento, preferira ocultar. Ninguén o sabía, nin sequera a súa propia familia.
"A miña forma de enfrontarme a iso foi quitarlle importancia e chegar a casa cun sorriso", lembra. Quizá porque o seu fogar era un "oasis" e no seu seo era feliz, porque o que recibiu sempre dos seus pais foi amor incondicional. "Alí era outra persoa e non quería enturbar esa felicidade e contar todo o que me pasaba no colexio", engade.
A "chispa" que lle levou a saldar contas co seu pasado foi o asasinato homófobo de Samuel Luiz na Coruña, que xerou un movemento "moi doloroso pero súper bonito" en redes sociais, unha especie de catarse colectiva na que afloraron numerosos relatos de vítimas de situacións de acoso ou odio, especialmente pola súa orientación sexual.
Aínda se emociona este músico pontevedrés cando rememora como pensou que "o máis coherente era falalo e poñerlle nomes e apelidos" ao que el mesmo sufrira había máis de dez anos, nos corredores dun instituto que debería ter sido un refuxio.
Tras os primeiros insultos e burlas, só un profesor achegóuselle e preguntoulle se todo estaba ben. "Díxenlle que si, que eran bromas, pero pasaban cousas que estaban lonxe de ser bromas", explica o mozo, que agora se arrepinte de non verbalizalo "pero non me fustigo".
"Cada un ten as armas que ten para actuar e fai o que pode en cada momento", reflexiona. Por mor da súa canción, foron varios os profesores que "se mostraron preocupados de non poder identificalo", pero el insiste en non responsabilizalos porque "ao non dicilo non lle dei a opción aos adultos que me rodeaban a actuar".
Por iso aclara que "eu non son exemplo de nada", pero quizá non haxa ninguén mellor que el para dicir aos nenos que sofren este tipo de acoso que "non deben ter vergoña e atopar un adulto de confianza, que ás veces non é quen esperas pero sempre o hai".
"Cando o dis e empezas a falar sobre iso doe menos", reitera Javier Lago, que explica como para el escribir esa canción sobre o acoso escolar foi terapéutico "porque me deu unha escusa para falar sobre algo que ocultara e iso sempre axuda".
Para gravar o videoclip desta canción volveu ao instituto no que estudou e "á clase na que peor o pasei", pero logrou facelo "afastado do sentimento de dor" e decidido a que esa fose a pedra angular dun proxecto musical incipiente naquel momento.
Ao longo do último ano tivo ademais a ocasión de dar charlas a alumnos de Primaria e a ESO, algo que "me emocionou moito porque me atopei que os rapaces teñen menos medo a falar abertamente e parten dun punto do que eu non partín".
"Se con todo o que dixen consigo que se fale do acoso escolar sen que sexa un tabú, xa me mereceu a pena todo isto", resume Javier Lago, que detalla como todo o que relata nas súas cancións "intencionadamente ou non, ten que ver comigo".
O seu proxecto musical en solitario, tras liderar a banda Australia, comezou hai tres anos pero, como a moitos outros artistas, a pandemia truncou os seus plans. "Se xa é difícil empezar, no medio dunha pandemia é aínda máis complicado", sostén.
Os poucos concertos que logrou dar foron en formato acústico e ante un público reducido pero, paso a paso, a súa carreira comezou a despegar. Hai dúas semanas editou El temblor, a súa nova canción, á que se seguirán máis temas a principios do próximo ano.
"Sinto moito agarimo e respecto cada vez que actúo sobre o escenario", sentencia o cantautor pontevedrés, que recentemente puido dar o seu primeiro concerto con banda, algo que "foi como un broche de ouro a estes dous anos e un arranque para todo o que vén".
Cargado de enerxía, Javier Lago desvela que "o que me queda é, ao longo deste mes, expor os dous seguintes anos" do seu proxecto artístico. "Gustaríame seguir facendo música pero coa finalidade cada vez máis clara de sacar un disco", adianta.
Relacionadas:
-
Javier Lago: "Pode que sacar un disco sexa nadar a contracorrente, pero segue a ser un paso en firme"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Evento exclusivo no Museo o 26 de xaneiro para presentar 'Perdón por las molestias', o primeiro álbum de Javier Lago
Por Redacción |
-
Javier Lago presenta o seu tema 'Lagartos' este 30 de novembro
Por Redacción |
-
Javier Lago estrea "Ligero", unha canción "para revitalizalo todo"
Por Redacción |
-
RADIO.- Javier Lago traerá este venres "unha noite de debut na que todo o que pase será exclusivo"
Por Marisa Ciordia |
-
Javier Lago estrea en directo o seu proxecto "El Temblor"
Por Redacción |
-
Javier Lago volve ao 'cole' con "Nada tiene sentido", un tema sobre o acoso escolar
Por Alejandro Espiño |