A parella de ladróns que fuxiu durante semanas polo Salnés acepta penas de prisión
Por Redacción
Miguel Ángel Serrano Losada e Carmen Castillo Romero, a parella de ladróns que no mes de maio perpetrou roubos por toda a provincia e se mantivo fuxida da Garda Civil polo Salnés, aceptaron cumprir penas de oito e cinco anos de prisión.
Ambos os dous estaban en prisión provisional na Lama e, segundo detalla El País, este luns acudiron aos xulgados da Parda e protagonizaron unha rápida comparecencia. Nela chegaron a un acordo de conformidade co fiscal polo que recoñeceron ser autores dos sete roubos en vivendas e gasolineiras que se lle atribúen e aceptaron oito anos de cárcere el e cinco anos ela.
A Garda Civil detivo o 8 de maio na Estrada a esta parella de ladróns que cometeu un regueiro de delitos polas bisbarras de Pontevedra e O Salnés e á que estiveron a pisar os talóns durante varios días. No momento da detención ían a bordo do turismo que substraeran unha hora antes ese mesmo día na porta de gardaría Pasitos da rúa Rosalía de Castro de Pontevedra.
Os feitos dos que finalmente se recoñeceron autores aconteceron entre o 25 de abril e o 8 de maio deste 2013 en que foron detidos. Cometéronos armados cunha pistola semiautomática, un coitelo de cociña e un gorro pasamontañas tras empezar en Anceu (Ponte Caldelas) e actuar en Dena (Meaño), Castrelo (Cambados), o centro de Cambados e a rúa Gorgullón de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Prisión sen fianza para a parella de ladróns que actuou e fuxiu por todas as Rías Baixas
Por Natalia Puga |
-
A parella de ladróns chegou ata Ponte Caldelas: ela traballou nunha casa onde despois roubaron
Por Natalia Puga |
-
A parella de ladróns á fuga, sospeitosa dun roubo con violencia no Gorgullón o 1 de maio
Por Natalia Puga |
-
Gran despregue policial para capturar a unha parella que roubou un coche na rúa Rosalía de Castro
Por Redacción |