A parella de ladróns á fuga, sospeitosa dun roubo con violencia no Gorgullón o 1 de maio
Por Natalia Puga
A parella integrada por M.A.S.L. e C.C.R., ambos os dous detidos este mércores tras levar cinco días fuxindo da Garda Civil, é sospeitosa de ter cometido un roubo con violencia na cidade de Pontevedra antes de se converter nos sospeitosos máis buscados da provincia.
Este mércores a parella substraeu un coche na rúa Rosalía de Castro de Pontevedra deixando atrás unha nova ferida con arma branca no costado e fuxiu nel ata que a Garda Civil lles deu o alto entre A Estrada e Silleda.
Antes deste roubo, o pasado mércores 1 de maio, supostamente xa estiveron na cidade e cometeron outro delito. Fontes policiais indicaron que se tratou dun roubo con forza dun bolso polo método do tirón.
Estas mesmas fontes indicaron que este roubo o terían cometido a bordo do turismo Xsara no que o sábado escapou da Garda Civil no Salnés ata que o coche quedou atrapado nun terreo en Vilalonga e tiveron que fuxir a pé.
A suposta vítima encontrábase na rúa Gorgullón cando o Xsara se detivo á súa altura e os seus ocupantes lle pediron indicacións para dirixirse cara a Santiago. A moza empezou a darlles explicacións sobre a dirección que debían tomar e, nese momento, un dos ocupantes supostamente lle colleu o bolso e tirou del, ao tempo que o coche arrancaba.
A moza, de 33 anos, resistiuse a soltar o bolso, de modo que a arrastaron uns 10 metros, ata que lograron levarse o obxecto. Tras o incidente, a moza requiriu asistencia sanitaria e acudiu á Comisaría da Policía Nacional a presentar denuncia polo sucedido.
Fontes policiais indicaron que nas dependencias policiais, a muller recoñeceu a parella integrada por M.A.S.L. e C.C.R. como os seus asaltantes. O bolso apareceu días máis tarde, pero non o seu contido.
Esta denuncia unirase agora ás que xa constan na Garda Civil cometidas na bisbarra do Salnés.
Relacionadas:
-
A parella de ladróns que fuxiu durante semanas polo Salnés acepta penas de prisión
Por Redacción |
-
Prisión sen fianza para a parella de ladróns que actuou e fuxiu por todas as Rías Baixas
Por Natalia Puga |
-
O xuíz decreta o ingreso en prisión sen fianza da parella de ladróns capturada en Silleda
Por Redacción |
-
Deteñen na Estrada á parella de ladróns fuxidos do Salnés nun coche recén roubado en Pontevedra
Por Redacción |