Prisión sen fianza para a parella de ladróns que actuou e fuxiu por todas as Rías Baixas
Por Natalia Puga
O Xulgado de Intrucción número 3 de Pontevedra decretou ao mediodía deste venres o ingreso en prisión comunicada e sen fianza para a parella de ladróns que nas últimas semanas supostamente cometeu un regueiro de delitos polas bisbarras de Pontevedra e O Salnés e dende o pasado sábado estivo a fuxir da Garda Civil por todas as Rías Baixas.
Segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), as investigacións realizadas ata o momento permitiron imputar aos dous detidos un amplo historial delituoso, que pasaría por un delito continuado de roubo con forza na casa habitada e cinco roubos con violencia e intimidación. En polo menos tres deles as vítimas sufriron lesións, se ben polo momento non se sabe se as lesións son constitutivas dun delito ou unha falta.
Na orde de ingreso en prisión tamén figuran como supostos autores dun delito de condución temeraria, delitos de lesións aínda por concretar, falsificación de documento oficial, usurpación de estado civil e delito continuado de estafa.
Miguel Ángel S.L. e Carmen C.R. pasaron a disposición xudicial a primeira hora deste venres tras ser detida o mércores no límite entre A Estrada e Silleda e permanecer 48 horas nos calabozos da Comandancia de la Guardia Civil de Pontevedra.
Os detidos chegaron ás 9.35 da mañá e tras esperar dez minutos no interior de vehículo entraron nas dependencias xudiciais. Prestaron declaración durante toda a mañá e a última hora decretouse o seu ingreso no centro penitenciario da Lama.
El chegou nunha furgoneta da Garda Civil mentres que a súa parella o fixo nun coche patrulla da benemérita, cos cristais tintados. Entre os axentes da Garda Civil e da Policía Nacional encargáronse de cubrilos, aínda que no caso do home este xesto parecía innecesario xa que vestía un suadoiro con carapucha que lle cubría a cabeza.
A continuación, quedaron baixo a custodia da Policía Nacional ata que a Garda Civil volveu escoltalos para trasladarlles a prisión. Durante o tempo que pasaron nas dependencias xudiciais, segundo transcendeu, o xuíz estivo a valorar a posibilidade de inhibirse e que o caso o levase outro xulgado, pois a maior parte dos delitos que se atribúen a esta parella se cometeron na bisbarra do Salnés e a súa detención se produciu no termo xudicial de Lalín. Finalmente decidiuse que o levará o xulgado da capital.
Relacionadas:
-
A parella de ladróns que fuxiu durante semanas polo Salnés acepta penas de prisión
Por Redacción |
-
O xuíz decreta o ingreso en prisión sen fianza da parella de ladróns capturada en Silleda
Por Redacción |
-
A parella de ladróns chegou ata Ponte Caldelas: ela traballou nunha casa onde despois roubaron
Por Natalia Puga |
-
A parella de ladróns á fuga, sospeitosa dun roubo con violencia no Gorgullón o 1 de maio
Por Natalia Puga |