O Concello de Caldas restaurará o mausoleo dedicado ao alcalde Antonio Román López
Por Redacción
A concelleira de Cultura, María López Buceta, anunciou este luns que o Concello de Caldas ten previsto acometer a restauración do monumento funerario en mármore que se erixiu en honra a Antonio Román López, falecido sendo alcalde o 19 de maio de 1894.
"Esta actuación forma parte do Plan de Conservación do Patrimonio Cultural do Concello e quere recuperar e poñer en valor a memoria do gran alcalde modernizador da vila de Caldas no século XIX", sinalou María López.
Antonio Román López foi alcalde entre os anos 1879 e 1894. Durante o seu mandato de 15 anos, decisivo para a historia de Caldas, procedeu en 1883 á estratéxica adquisición da leira do Conde de Canillas, na que conseguiu edificar nos anos sucesivos as escolas públicas, o asilo, o xardín botánico e a "carballeira" ou Campo da Feira. Antes xa fixera construír a histórica Fonte da Burga e a dos Catro Caños en Tivo, recentemente restauradas.
Esas e moitas outras "obras necesarias foron realizadas con todo o decoro e bo gusto do seu pobo culto", conseguindo "un notable embelecemento da poboación" segundo consta nas actas dos Plenos daqueles anos, e como se pode comprobar aínda hoxe en día, dada a calidade arquitectónica, paisaxística e humana destes espazos, nos que tivo un papel destacado o arquitecto Domingo Rodríguez Sesmero.
Para o arquitecto Luís Gil Pita, "este monumento funerario civil de finais do XIX transmite todos os valores constitucionais de progreso e modernidade que propoñía o alcalde Román López aos seus cidadáns. A súa composición é de carácter abstracta, apoiada nos valores formais do neoclásico. A centralidade dunha columna, que arrinca do pódium clásico de catro caras con tímpanos, de fuste liso e detalle floral intermedio, con remate en capitel corintio que serve de soporte a un pebetero esférico coa chama eterna. Oponse, no fondo, á imaxe tradicional do cruceiro de dúas caras".
Á súa morte repentina, o Pleno do Concello acordou dedicarlle este mausoleo no cemiterio de Santo Tomás, situado xunto á Carballeira. O Concello púxolle tamén o seu nome ao paseo de entrada ao xardín botánico, nos terreos que el mesmo adquiriu desde o Concello, e nos que actualmente se atopan o Centro de Saúde, os Xulgados, o Auditorio, a Biblioteca Municipal e a Residencia de Terceira Idade, o que dá unha idea da transcendencia da súa xestión como alcalde.