Caldas restaurará e devolverá ao seu lugar orixinal, na Rúa da Ferrería, a fonte do paseo da Tafona
Por Redacción
A xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés-Ulla-Umia, Arancha Pérez, reuniuse hoxe co concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, para organizar o traslado da fonte centenaria da Ferrería á confluencia desta mesma rúa coa Avenida Dona Urraca, coincidindo co acceso dos peregrinos que chegan a Caldas polo Camiño Portugués. A actuación servirá para restaurar a mesma.
O GDR está a tramitar unha subvención solicitada polo Concello de Caldas para cofinanciar este proxecto con cargo ao programa Leader 2023-2024, que se complementará con financiamento da área de Rehabilitación Integral de Caldas (ARI), entre outros recursos xa solicitados.
A fonte da Ferrería data da contorna do ano 1920 e está catalogada como elemento etnográfico no PXOM de Caldas, formando parte tamén do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. É un elemento de carácter culto, de significado hixienista, e cun estilo tardohistoricista propio da época. Fonte dun único caño, ten unha base pétrea de granito, un edículo de metro e medio de alto, coroado por un pináculo troncopiramidal rematado en altura por unha bóla.
Hai anos foi trasladada ao paseo da Tafona, onde se atopa “claramente descontextualizada do seu tecido e escala natural, tanto no que se refire ao seu uso orixinal como no formal do seu envolvente”, segundo sinálase no informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Por iso, e atendendo tamén á demanda dos veciños da rúa Ferrería, a fonte será restaurada, dado o seu actual nivel de deterioración, e acondicionarase a nova contorna onde se vai a situar na propia rúa da Ferrería, poñendo en valor un espazo polo que transcorre o Camiño Portugués a Santiago.
Ao mesmo tempo encargarase unha nova fonte máis moderna para o paseo da Tafona, en consonancia coa súa contorna de edificios de recente construción.
O proxecto, redactado polo arquitecto Luís Gil Pita, forma parte do programa “Fontes non Camiño” co que se restauraron ata o momento cinco fontes históricas de Caldas, e xa conta cos informes favorables de Patrimonio Cultural da Xunta, do Ministerio de Transportes e da Deputación de Pontevedra, dado que a nova localización atópase no Camiño Portugués, e na confluencia da N-550 coa estrada provincial EP-8004.
Nesta nova localización, no proxecto previuse colocar unha placa conmemorativa en memoria de Dona María Teresa Fernández e Fernández-Mosquera, que tivo a xenerosidade de ceder aos caldenses o espazo público onde se vai a situar a fonte.
Manuel González destaca que con este proxecto “poñemos en valor unha contorna urbana do Camiño Portugués, dotándoo de materiais nobres de forxa e pedra, e restauramos outra fonte histórica, seguindo co esforzo que estamos a facer de conservación do patrimonio histórico, restituíndoa á rúa para a que se realizou orixinalmente”.
Relacionadas:
-
A fonte da Tafona volverá ao seu espazo orixinal no barrio caldense da Ferrería
Por Redacción |
-
Técnicos especializados inician a restauración da fonte centenaria de Pazo e o lavadoiro anexo
Por Redacción |
-
O Concello de Caldas restaurará o mausoleo dedicado ao alcalde Antonio Román López
Por Redacción |
-
Informes favorables para a restauración da Pontella de Segade de Abaixo
Por Redacción |