Lanza pedras contra un bar, resulta agredida e deteñen á súa exparella por incumprir una orde de afastamento
Por Oskar Viéitez
As policías Nacional e Local de Vilagarcía tiveron que intervir o pasado sábado nun incidente nun café-bar da zona de ocio do porto deportivo que se saldou con desfeitas no establecemento, unha muller ferida e a detención da exparella da anterior, por incumprimento dunha orde de afastamento.
Segundo informaron dende o Concello de Vilagarcía, os feitos ocorreron arredor das 9 da mañá do sábado. Nese momento, a muller, M.F.O.G, nada en Cuba e con residencia no Carril, entrou nun coñecido café-bar solicitando que lle serviran unha copa. A camareira do establecemento negouse, alegando que xa estaba pechado, pero M.F., con signos evidentes de estar baixo os efectos de bebidas alcohólicas e outras substancias, comezou a agredir á traballadora, tendo que intervir o dono do local, que chamou á policía.
Mentres tanto, a muller comezou a tirar pedras e outros obxectos contra o local, xunto con outra persoa tamén identificada, C.F.J., producindo varios danos. Foi entón cando a muller se enfrontou a un home que a acompañaba, M.T.R, tamén de orixe cubana e residente no mesmo domicilio que M.F., no Carril.
Cando as policías fixeron acto de presenza, a muller tiña un hematoma nun ollo. Identificados todos os protagonistas do altercado, púidose comprobar que M.T.R. tiña unha orde de afastamento da propia M.F., ditada por un xulgado do penal de Vigo hai apenas un mes.
A muller precisou de atención médica e denunciou ao dono do local e á camareira como presuntos autores da agresión sufrida, mentres que estes manifestaron que foi precisamente que parecía ser a súa parella, M.T.R, o autor da agresión. A presenza de cámaras na zona poderá aclarar o caso, pero, polo pronto, a Policía Nacional procedeu á detención de M.T.R. por incumprimento da orde de afastamento.
Relacionadas:
-
A Policía Local de Vilagarcía tramita 18 denuncias a locais de hostalería por incumprir horarios
Por Redacción |
-
Chama á Policía Local admitindo que estaba a incumprir unha orde de afastamento e termina fuxindo polo monte
Por Oskar Viéitez |
-
A Subdelegación acolle unha xornada sobre a prevención do suicidio en vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
A responsabilidade dos homes e o negacionismo no foco da campaña do 25N en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Detido un pontevedrés por maltratar a súa parella en plena rúa en presenza dos seus fillos
Por Redacción |